João, o brasileiro de doce anos que xa é un celtista máis malia a derrota fronte á Real
GRADA DE RÍO
O resultado foi o de menos para o rapaz que viaxou desde Ribeira coa Peña Alvelo o martes para vivir un partido de fútbol nun estadio por primera vez na súa vida
25 ene 2024 . Actualizado a las 10:32 h.Abdón Santos, celtista de Ribeira pertencente ás peñas Alvelo e Fóra de Xogo, acudiu este martes a Balaídos cunha compañía especial: João, un neno brasileiro de doce anos gran afeccionado ao fútbol pero que nunca pisara un estadio. Así, o Celta-Real Sociedad de Copa do Rei foi a súa primeira experiencia de vivir un encontro de fútbol profesional in situ. Unha xornada inesquecible para o pequeno e tamén para o grande, que relata como gozou o seu convidado malia que o resultado non acompañase desta volta.
Santos coñece á tía do rapaz e á súa parella, que tomando algo a tres días do partido comentáronlle que viña o seu sobriño de Brasil, «que lle encantaba o fútbol e que lles gustaría levalo a un partido». Comentoulles a proximidade da cita copeira, para a que el lle podía mercar a entrada como abonado e, aínda que de inicio vían complicado o transporte, tiñan o autobús da Peña Alvelo como solución. «Ofrecinme a levalo e mirar por el e xa o viron más fácil os tíos», conta. Falou coa nai para ter o seu permiso e así o fixeron.
Nada máis chegar a Balaídos viron rapaces xogando ao fútbol. «Dime: ‘Están xogando á bola!’. E xa lle dixen que non era iso, que o que ía ver era un partido de fútbol profesional. Logo de vivir a previa tomando «a merenda», chegou o recibimento. «Quería saber que estaba pasando, por que estabamos diante dunha valla, por que había policía. Expliqueille que non era nada perigoso, que era una celebración. Non é que estivese asustado, pero si pensando que a ver que pasa aquí. Cando viu o bus xa se deu conta de como ía», detalla.
Durante todo o tempo, João sinalaba para o estadio. «Dicíalle que descoidase, que ía entrar», di Abdón. «Afeito a entrar co meu abono, tiña a súa entrada no correo electrónico que che mandan e en Balaídos a cobertura é mínima porque está todo o mundo cos móbiles. Aí asustouse. Pero xa lle dicía que el non ía quedar fóra, que antes entraba co meu abono e ía eu velo ao bar». Non foi necesario e, tras ese momento de dúbida, chegou o instante de entrar no estadio.
«O momento de entrada e ver as gradas, e iso que estaba todo baleiro, foi incrible. A cara que puxo, que quedou flipado, coa boca aberta, mirando para todos lados cunha ilusión que flipei eu tamén, recordoume a cando es pequeno e Papá Noel ou os Reis che traen o que ti queres», compara. No quecemento, os suplentes quecían a poucos metros de onte eles estaban. «Fartábase intentando saudar ao xogadores», sinala.
Logo, coma todos, sacou no momento de Oliveira dos cen anos a bufanda de Fóra de Xogo coa que Abdón o agasallara. «Despois, foi un terremoto os 90 minutos. Tiven que dicirlle varias veces que sentase, que non deixaba ver aos de atrás. Mesmo movía a bufanda aínda que non metésemos gol. Pasou os 90 minutos flipado, case chorando porque iamos perdendo», lembra. Pero dentro do malo do resultado, Santos quedou satisfeito con que puidese celebrar un gol. «Foi o máis bonito. Eu dicía: ‘Aínda que perdamos, que vexa un gol do Celta’. Coa emoción, xa me veu abrazar e levanteino no aire. E iso que non é coñecido meu, coñecémonos ese día».
Así, durante a xornada, notouse a timidez do rapaz e tamén a barreira do idioma, máis complicada do que Abdón cría de inicio ao falar el galego e entender a lingua do cativo, o portugués. «Pero acabamos entendéndonos», di. Agora, tamén os une o celtismo. «El é afeccionado do Flamengo, pero desde agora, penso que xa é un celtista máis».