A agrupación nace con máis dun cento de celitstas cunha paixón compartida e moitas ganas de facer cousas
12 mar 2024 . Actualizado a las 12:11 h.Un grupo de afeccionados veñen de poñer en marcha unha nova peña celtista en Tui que leva o nome do cantante Evaristo Páramos. Inicialmente, escolleran outra denominación, pero cando souberon que había outro colectivo celtista cun nome semellante, entenderon que o mellor era buscar unha alternativa e esta pareceulles perfecta. «Evaristo é de Tui, temos algo de contacto con el, seguimos a súa música e pensamos que temos un tudense coñecido, querido e que é moi afeccionado do Celta. Así que falamos con el y deixo que podiamos usar o seu nome e imaxe sen problema», di un dos impulsores desde novo proxecto, Rubén Fernández.
Os seareiros que tomaron a iniciativa pertencían nalgúns casos a outras peñas, pero tiñan en común que se xuntaban un bo grupo de Tui e lles apeteceu facer unha nova e propia. «Somos amigos de toda a vida que facemos piña, afeccionados entre 30 e 45 anos», di sobre o núcleo principal. A eles súmanse tanto nenos «que van no carriño» a Balaídos como xente maior e esa é a idea. «A min levoume a Balaídos meu pai e sigo indo con moitísimas ganas, pero cando me lembro de anos atrás, era un acontecemento, algo moi guai para un neno» e queren contribuír a que se siga producino cos rapaces da súa vila.
A idea da peña leva nas súas mentes desde hai uns dous anos, pero foi o pasado agosto cando se puxeron mans á obra e aceleraron o proceso. «Démoslle caña e fixémolo nun mes. A finais de agosto estaba en marcha e desde o inicio de tempada xa estamos na Federación de Peñas», precisa Fernández. Roldan os 130 peñistas, un 40 % dos cales son abonados. «Non chegamos á cifra para ter autobús, pero tempo a tempo, a ver se podemos ir medrando, pero pouco a pouco, como somos nós, partindo duns valores, sendo xente tranquila que non pretendemos romper nin moito menos. Imos cos pés na terra, sen moito estrés», afonda.
Destaca que aos membros da Peña Celtista Tudense Evaristo lles une «a paixón polo Celta», que os leva a Balaídos e e aos desprazamentos que poden. «Gústanos confraternizar con outras peñas, tanto en Vigo como fóra», sinala. As viaxes están, pois, entre as iniciativas que queren desenvolver, partindo da idea básica de axudar aos seus peñistas, por exemplo, aos que non sexan abonados para ter a ocasión de ir de cando en vez a Balaídos. «Temos moitas ganas de facer cousas para os nosos e que se sintan identificados. Temos bastantes ideas na cabeza», proclama.
Teñen pendente o acto de inauguración, que polo de agora non ten data -aínda que xa barallan algunha que aínda non se pode revelar-, pero no que teñen moita ilusión posta por poder contar con xogadores e que sexa unha data especial para os integrantes da peña. Xa teñen as súas bufandas e demais merchandising e dan signos de que xa non vai haber quen os pare. «O ano que vén seguramente haberá un filtro e xente que non renove, como adoita pasar nestes casos, pero a idea está gustando, parece que Evaristo ten bastante tirón». Tamén esperan que el poida estar presente na peña, máis alá do nome, no futuro.