Iker Losada: «Xogar en Balaídos sempre é especial, sinto bolboretas no estómago» 

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

FUTGAL

O xogador do Racing de Ferrol insiste en que o momento de pensar no seu futuro será unha vez rematada a tempada 

01 jun 2024 . Actualizado a las 09:34 h.

O canteirán do Celta e actual xogador do Racing de Ferrol Iker Losada falou nos micrófonos da TVG dos seus sentimentos ao volver xogar en Balaídos, escenario no que chegou a debutar en Primeira División e onde exerceu de capitán do Celta Fortuna a tempada pasada. «Levo aquí desde pequeno e xogar en Balaídos sempre é especial, unha loucura inesquecible. Sinto bolboretas no estómago. É un orgullo», expresaba o futbolista de Catoira.

En clave de futuro, o integrante da selección galega non deu ningunha pista, reiterou que ten contrato co conxunto ferrolán e que non é partidario de falar destes temas ata que remate a tempada, como xa dixera nunha rolda de prensa hai unhas semanas na que comentaba que prefería manterse á marxe porque era mellor para el. «Ata que acabe a tempada, non falamos de nada, non me gusta. Cando acabe, miraremos que temos enriba da mesa, pero teño contrato co Racing e estou contento. A ver que pasa», finalizou.

Iker Losada, canteirán do Celta e capitán do filial hai un ano, despediuse do equipo no verán do 2023, logo de disputar o play-off de ascenso a Segunda, categoría na que xoga esta campaña co Racing de Ferrol. O seu gran rendemento fixo que volvese soar como posible incorporación do club vigués e o director de fútbol da entidade celeste, Marco Garcés, recoñecía esta semana sen afondar no asunto que se trata dun «xogador interesante» para eles.