Exiles 1873, apoio ao Celta e homenaxe ás orixes 

M. V. F. VIGO

GRADA DE RÍO

Esta peña celtista viguesa creada o ano pasado leva o nome do primeiro equipo de fútbol que houbo en Vigo 

07 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Exiles 1873 é unha das últimas incorporacións á familia das inscritas na Federación de Peñas do Celta. Aínda que veñen de estrearse nas redes sociais, levan activos xa desde o ano pasado e preséntanse como unha agrupación viguesa formada na súa meirande parte por celtistas nados a mediados da década dos 90 e que levan «moitos anos indo a Balaídos», conta o seu presidente e un dos impulsores do proxecto, Carlos Varela.

Algúns deles pertenceron de forma puntual a peñas celtistas antes de formar a súa propia para participar das viaxes, pero a idea de formar unha nova estaba enriba da mesa desde hai tempo. «Sempre o falamos e o ano pasado deuse por fin. Dixemos: ‘Desta vai’», lembra; de feito, confesa que ao final foi todo «bastante a correr».

De primeiras, chama a atención o nome, moi familiar para quen saiba das orixes do fútbol na cidade de Vigo, pero quizais non para o público en xeral. «O Exiles foi o primeiro club que houbo en Vigo e en Galicia, en 1873. Comezamos a informarnos do tema, contactamos con historiador José Ramón Cabanelas, que leva a investigación e nos facilitou información e os logos que tiñan daquela, que son parte do noso», revela.

Están «encantados» con esta denominación que mira a unhas orixes que queren contribuír a divulgar: «Apenas se coñece, nós soubémolo o ano pasado e ese é o motivo principal. Si que é certo que o Celta, co tema do centenario, a primeira referencia que fai ao fútbol en Vigo é o Exiles», sinala o presidente.

Nestes momentos son uns 60 membros, dos cales aproximadamente a metade son abonados. Polo de agora, teñen organizado comidas, aparte de xuntarse tanto para as previas en Balaídos como para ver os partidos de fóra. Ademais, teñen varios membros viaxeiros. «Non somos suficientes para montar un bus, pero algúns teñen ido coa Federación ou pola súa conta», algo ao que pensan dar continuidade na campaña 2024/2025.

Aínda que tardaron en ter presenza en redes porque os directivos son bastante reticentes, xa deron o paso porque entenden que actualmente é algo «indispensable» neste tipo de colectivos. Non obstante, si que teñen hai tempo relación con outras peñas e levan participado en varios torneos. Chegan para quedar.