«Galicia, sempre hei estar aquí!»

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

RC CELTA

O Celta conmemora o Día de Galicia tirando de «Oliveira dos cen anos»

25 jul 2024 . Actualizado a las 16:17 h.

O Celta conmemorou este 25 de xullo o Día de Galicia cunha imaxe tomada no partido entre o combinado galego absoluto e Panamá en Balaídos o pasado mes de maio. Nela, un rapaz aparece de costas sostendo a bandeira galega e a mensaxe escollida polo club é: «Unhas cores, un sentimento», frase moi representativa para o celtismo por ser o título dunha coñecida canción do grupo Keltoi! Ademais, na publicación en redes sociais, a entidade emprega un verso do himno do centenario, Oliveira dos cen anos: «Galicia, sempre hei estar aquí!».

Moitas peñas celtistas fixéronse eco da publicación da entidade, pero outras apostaron por imaxes e mensaxes propias. «Día de Galiza. A ledicia de lucir con orgullo a cor do ceo. Dedicado a todas e todos os galegos que deixan a súa vida no noso mar», escribían desde a peña Boinas Celestes. En Fóra de Xogo, pola súa banda, sinalaban: «Hoxe é un día de celebración para todos nós, máis tamén é un día de reinvindicación da nosa condición como galegos. Feliz día da patria galega!».

Imandiños 1923 presumía de «unha terra que amar. Unhas cores que lucir. Tanta boa xente coa que celebrar», mentres Centolos Celestes tamén recorría, coma o Celta, a Keltoi!: «Un equipo para un país, unhas cores un sentimento!!!». A felicitación de London Celtas tiña unha lembranza especial para aqueles que, coma eles, celebran este día na diáspora. Desde Movida Celeste amosaban o seu compromiso «con manter viva a lingua, costumes e cultura galegas». Son só algúns exemplos.