Sergio Carreira: «Remontamos cun nivel de xogo excelente por momentos» 

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

Xoán Carlos Gil

O canteirán do Celta agradece que notou «unha calor impresionante» do celtismo fronte ao Valencia 

24 ago 2024 . Actualizado a las 10:53 h.

O canteirán Sergio Carreira tivo fronte ao Valencia os seus primeiros minutos desta tempada e con Claudio Giráldez case catro anos despois da súa estrea en Primeira, no 2020. «Foi un partido no que volvemos comezar dunha forma pouco positiva -por detrás no marcador- e temos que mellorar iso, pero remontamos unha vez máis e cun nivel de xogo excelente por momentos», sinala.

O vigués é un bos beneficiados da firme aposta deGiráldez pola canteira, algo ao que tamén fixo referencia, preguntado polo feito de que houbese oito canteiráns e nove galegos con participación neste encontro da segunda xornada de liga. «É un reflexo do traballo que se vén facendo nos últimos anos e da confianza que Claudio deposita en nós», agradece.

Carreira celebra que «os fogos, o celtismo e todo o que envolveu ao partido foi excelente». Para el hai un contraste cos seus anteriores partidos en Balaídos, en plena pandemia e sen público nas bancadas. «A última vez que xoguei foi sen xente, desgraciadamente, e este foi o primeiro partido e notei unha calor impresionante» por parte da afección. «Estou moi contento de que esteamos xuntos e sigamos sacando eses tres puntos adiante».

Agora, cunha escasa marxe de tempo, espera a primeira saída logo destes dous primeiros partidos como local, fronte ao Vilarreal este mesmo luns. «Temos que intentar volver xogar da forma que o estamos facendo e, así, seguramente obteñamos bos resultados», finalizaba.