Hai que partir da base de que Iago Aspas é un xogador entre liñas
15 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Debemos partir da base de que Iago Aspas é un xogador entre liñas e se o queres substituír a el, necesitas para ese perfil a un xogador dese tipo, o que descartaría, por exemplo, a Tasos Douvikas e incluso a Borja Iglesias.
No caso de Alfon, creo que é un futbolista que se move ben, pero ao que lle gusta moito ir en profundidade, aínda que busque un apoio de inicio. Creo que nese perfil vai mellor Pablo Durán, que xogou aí ante o Girona no que foi un partido competido. Para ter un esquema similar ao habitual creo que é o máis axeitado.
Persoalmente, creo que Claudio vai apostar máis por xogar con tres dianteiros que con dous e un mediapunta, porque hai que ter en conta cantos chegan a rematar. Iago é un deles, pero seleccionando as súas accións. Igual pode ser un partido para xogar con tres puntas e que o resto manteña un pouco máis a posición: como se fose un 7-3.
A maiores, hai que ter en conta unha parte importante, que te mides ao Real Madrid, e moitas veces buscas o once dependendo do que te vas a atopar enfronte. Por iso, se Claudio Giráldez quere plantexar cousas tendo en conta o potencial do rival, pois igual xoga con dous arriba.
En canto ao rival, é un equipo que che deixa xogar, pero logo ten momentos que te mata cos xogadores dos que dispón. Teñen moita facilidade goleadora e por riba teñen unha idiosincrasia no vestiario que fai que dea igual o que se vaia, dá igual que xa non estean Ramos, Cristiano Ronaldo ou calquera outro, é un equipo que compite e nunca vai ter as lagoas doutros. Poden ter calquera adversidade, que nunca se veñen abaixo. Para gañar tes que facer un moi bo partido, eles un malo e por riba, ter sorte.