Claudio Giráldez e Róber Fernández xa teñen os carnés de peñistas de Os Zoqueiros 

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

OS ZOQUEIROS

A peña do Porriño celebrou onte unha festa case improvisada conducida por Ana Pérez e Rubén de Marina na que tamén recibiu o seu carné o alcalde da vila 

19 oct 2024 . Actualizado a las 15:47 h.

A Praza do Cristo do Porriño foi escenario da festa na que a peña celtista da localidade, Os Zoqueiros, entregou os seus novos carnés de socios. Entre as súas incorporacións están o adestrador do primeiro equipo do Celta, o porriñés Claudio Giráldez, así coma o seu segundo, Róber Fernández, e o alcalde da vila, Alejandro Lorenzo, Caroca, todos eles presentes O acto estivo conducido pola xornalista porriñesa e celtista Ana Pérez e polo actor Rubén de Marina, tamén da vila e celtista. Os membros do corpo técnico acudiron a título persoal como peñistas.

Foi unha tarde de celtismo con intervencións de todos os presentes e na que non faltaron a música e a comida. Giráldez amosouse agradecido, contento de reencontrarse con amigos e reiterou, como dixera esta mesma semana na rolda de prensa posterior á súa renovación, que está feliz de adestrar a que, xunto ao Porriño, é o equipo da súa vida.

O presidente da peña, Javier Domínguez, explica que foi un acto divertido, que xurdiu case de xeito espontáneo polo feito de que Giráldez e Fernández eran novos peñistas e tiñan que facerlles entrega dos carnés. Ademais, cando cumpriron quince anos, eran tempos de pandemia -naceron no 2006- e tiñan pendente unha celebración que agora lles pareceu o momento ideal para desenvolver. Engade que pensaban así polo feito de ser un momento de calma no celtismo, no que as cousas marchan ben e, maiores, poden celebrar ter a dous porriñeses en postos de responsabilidade no equipo.

Actualmente, superan os 200 peñistas e boa parte deles se deron cita na carpa que montaron na Praza do Cristo. Houbo food trucks, cortador de xamón, pinchos e dj nunha noite de festa que esperan continuar hoxe co resultado do partido de Balaídos.