Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Os cigarróns de Verín e os boteiros e fulións de Viana do Bolo, protagonistas este sábado en Balaídos 

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

Imaxe da inauguración da peña Cigarrón Celeste de Verín.
Imaxe da inauguración da peña Cigarrón Celeste de Verín. CEDIDA

O Celta organiza a primeira edición dunha homenaxe ao Entroido galego con vocación de futuro 

04 mar 2025 . Actualizado a las 11:23 h.

O Celta vén de anunciar a celebración este sábado en Balaídos da primeira edición dunha homenaxe ao Entroido galego por parte do club. Neste caso, o protagonismo será para os cigarróns de Verín e os boteiros e fulións de Viana do Bolo, que saltarán ao céspede do estadio pouco antes da saída dos xogadores no encontro fronte ao Leganés, «enchendo de cor e enerxía o ambiente e poñendo en valor unha tradición que se remonta por centos de anos atrás», din desde a entidade.

A intención do club é que, cada ano, Balaídos renda homenaxe a diferentes figuras do Entroido, recoñecendo así a riqueza e variedade desta festividade en toda Galicia. «O Celta dá un paso máis no seu afán por dar visibilidade e poñer en valor, cun gran orgullo, o patrimonio cultural de Galicia», indican nun comunicado. Esta iniciativa desenvolverase nun día de dobre partido, pois á cita do primeiro equipo masculino (14.00) súmase a do feminino, As Celtas, ante o Deportivo B, ás 19.00. Entre medias, a celebración continuará nos exteriores do estadio.

O club tamén avanza que para amenizar a espera entre ambos os encontros, «poderase gozar de comida típica destas datas, como filloas, orellas e flores de entroido, así como empanada galega». Sinalan que será «unha oportunidade perfecta para que a afección celeste goce dunha xornada de fútbol e tradición nun ambiente festivo e auténtico». Sobre o Entroido, engaden: «A riqueza e diversidade desta festividade convértena nun tesouro cultural que o Celta quere contribuír a transmitir ás novas xeracións e dar a coñecer ante toda a audiencia de LaLiga».