O Celta presenta o proxecto Río 1923, Raíces, Identidade e Orgullo: «Será o que nos queiramos que sexa»
GRADA DE RÍO

O club crea unha comunidade para dar espazo a creacións culturais inspiradas no celtismo
27 mar 2025 . Actualizado a las 12:47 h.O Celta vén de presentar este xoves, coincidindo co anuncio do lanzamento dunha camiseta especial con motivo da festividade da Reconquista de Vigo, un novo proxecto en forma de comunidade e chamado Río 1923. «Hai ideas que nacen con esa sinxeleza tan nosa de soltar un “e se…?”, como quen planta unha semente sen darse conta. Así xurdiu Rio1923 da necesidade de dar forma a algo que xa latexaba en Balaídos, algo que nace da conexión tan forte que está a vivir o celtismo nos últimos tempos», introducen a través da web correspondente.

Desde o club sinalan que son días nos que están «orgullosos deste Celta cheo de identidade. Duns rapaces que antes de correr no campo estaban a brincar na bancada. Dun proxecto común que pon en valor a cultura e tradicións (galegas). Que mira cara ao noso pasado con orgullo e cara ao futuro con confianza». Perciben que neste contexto atopan «algo que fai ao Celta moi diferente. Unha contorna chea de inquietudes, inconformismo e creatividade. Desde os estaleiros ata as bateas, desde os locais de ensaio ata os estudos de deseño. Paixón, loita e creación van da man cando se fala do Celta de Vigo». «Porque somos moito máis que fútbol, defendemos todo aquilo que nos define como comunidade. E facémolo entre todos dunha maneira única, con talento e autenticidade», engaden.
Ademais, o @RCCelta presenta a comunidade Río 1923. Que vos parece? https://t.co/9nMXZmNArc pic.twitter.com/YyRhyaeiQs
— Grada de Río (@gradaderio) March 27, 2025
Desde xeito, expoñen, «Rio1923 nace desta necesidade de contar as nosas historias dunha maneira diferente, afastada da velocidade, dos “likes” e do rebumbio do día a día. Do desexo de atopar un espazo onde repousen, maduren e destaquen as creacións culturais inspiradas no club e no celtismo: moda, documentais, palestras, deseño, música… Será o que nós queiramos que sexa». E finalizan: «Así, con tranquilidade e entre símbolos e ideas, nace Rio1923. Raíces, Identidade e Orgullo».