Damián Rodríguez: «A vida ensinoume que hai que agradecer e desfrutar os momentos»
GRADA DE RÍO

O canteirán estaría encantado de xogar toda a vida no Celta: «Por que non?»
11 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Damián Rodríguez Sousa (Ponteareas, 2003) vive un ano de contrastes. Asentado no Celta, foi quen de estrearse coa selección sub-21, pero no persoal, a perda do seu pai fixo que pasase un momento moi complicado. O centrocampista mesmo estivo un tempo fóra do foco, pero agora xa se ve con forzas para loitar na recta final de tempada co único obxectivo de sumar cantos máis puntos, mellor. A palabra Europa non existe no seu dicionario. Só o típico partido a partido dun home que estaría encantando e facer toda a súa vida deportiva no Celta, club polo que pasou por todas as súas categoría, algo no que foi pioneiro. Ademais, na actualidade, é o único xogador en activo cunha peña que leva o seu nome conxuntamente con Iago Aspas.
—Como se sinte?
—Ben, con ganas de afrontar este último treito de liga. Chegamos ben.
—Para vostede supoño que é un ano de contrastes, de moita ledicia no deportivo e de moita tristura no persoal.
—É un ano diferente, sobre todo porque comecei o ano moi ben, cumprindo un soño de estar no primeiro equipo e despois, veu o falecemento de meu pai, pero penso que é algo da vida e teño que aprender a convivir con iso.
—Por insospeitado foi máis duro?
—Foi unha enfermidade que tivo, é algo duro, pero penso que grazas aos compañeiros e ao corpo técnico, puiden levalo moito mellor. Son momentos duros na casa, son momentos duros cando estou só... Pero aquí hai xente moi profesional que me axudou moito.
—Claudio pasou polo mesmo e iso tamén lle axudaría.
—Si, pasou por algo parecido e foi dos que máis me axudou. Penso que ter a súa figura nese aspecto veume moi ben.
—Necesitaba saír do foco? Digo porque botou unha tempada sen xogar e son sei se era un tema deportivo ou anímico.
—Eu non estaba no meu mellor momento cando sucedeu todo iso, non estaba adestrando nas mellores condicións e non ía a aportar nada ao equipo. O mellor era saír un pouquiño, non estar nesa dinámica. Non estaba con disposición para xogar e penso que agora xa estou aquí de novo e veume moi ben ese momento.
—Que lle ensinou a vida este ano no deportivo e o persoal?
—Na vida deportiva, que hai que tirar sempre cara adiante, porque hai moita competencia e creo que iso é o que che fai mellorar. En canto á vida persoal, sobre todo, que hai que agradecer todos os momentos e desfrutar todos ao máximo.
—Cando se viu preparado para volver?
—Co tempo, pouco a pouco, vou estando mellor nos adestramentos, vou tendo máis ganas de darlle cara adiante. Coa axuda dos compañeiros e do corpo técnico foi moito máis fácil volver.

—Que sentiu o día do Leganés cando volveu á titularidade?
—Sentín unha ledicia tremenda, porque xa tiña moitísimas ganas de volver xogar de titular, sobre todo, en Balaídos. Especialmente, para a miña nai e para a miña familia. Vivino con moita ledicia.
—Xa se ve con folgos para loitar pola titularidade?
—Estamos aí os catro apertando e é moi difícil ter unha titularidade aquí, neste equipo. Nos adestramentos estamos competindo todos moi ben e iso fainos mellores uns aos outros.
—Séntese mellor con algún dos tres no campo especialmente?
—Fran (Beltrán) é distinto a Ilaix (Moriba), Ilaix é distinto a Sote (lo), Sote é distinto a Fran. Estou cómodo cos tres, porque, sobre todo, son grandes xogadores e non escollería ningún. Penso que podo combinar con todos eles.
—Con Hugo Sotelo ten unha relación especial.
—Xa nos coñecemos desde os oito ou nove anos, cando entramos no club, entendémonos moi ben, é un dos meus mellores amigos e entón, todo é máis fácil.
—O seu caso é curioso: son competencia directa no campo pero súper amigo fóra.
—Somos moi amigos fóra do campo e no campo tamén, pero hai unha competencia directa. Sotelo quere xogar antes ca min e eu cantes que Sotelo. É normal, como debe ser.
—Considérase agora mellor futbolista que cando chegou ao primeiro equipo?
—Si, moito mellor, porque ao final, ter tanta competencia nun posto, penso que che fai moito mellor xogador.
—En que considera que evolucionou máis?
—En defensa custábame moito máis e que agora non son un centrocampista defensivo como tal, pero se teño que facer labores defensivas, fágoas.
—Cando Claudio Giráldez di que é un elixido e o pegamento do equipo, que pensa?
—Significa que algo ben se está a facer, pero non me podo relaxar, porque xa se ve que un partido xogas titular e o outro, estás no banco. Hai que darlle as grazas a Claudio, pero só queda seguir traballando.
—Que lle di que sexa un dos dous xogadores en activo que lle dá nome a unha peña dende hai unhas semanas?
—Para min, é un orgullo, sobre todo porque acabo de chegar aquí. Que o propuxeran éncheme de orgullo, a miña familia está moi contenta, sobre todo por ser de Ponteareas e representar aí un pouco ao deporte da vila. Para min, é un orgullo.

—E o ser o primeiro céltico que pasou por todas as categorías?
—Outro orgullo máis, porque cando botas a vista atrás, lémbraste de momentos, partidos, adestramentos, de todo. A conexión de moita xente...
—Lémbrase daquel neno que chegou en benxamíns?
—Claro, lémbrome da primeira mochila que me regalaron, que estaba súper contento con ela, dos novos compañeiros e dos primeiros torneos que xogamos por Caldas de Reis.
—Ten un contrato longo no Celta e supoño que está moi a gusto.
—Síntome moito a gusto, estou na miña casa, estou onde quería desde sempre e oxalá sexan moitos anos máis.
—Gustaríalle probar noutro sitio ou ser un home dun solo club?
—Estou moito contento no Celta, oxalá poda cumprir moitos partidos aquí, oxalá poder ser o capitán, estou moito contento neste club.
—Gustaríalle facer toda a súa carreira aquí?
—Si, por que non. Ao final, no fútbol nunca se sabe que vai pasar, porque cambian moito os roles, pero por que non?