Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Afouteza, o termo máis buscado esta semana no dicionario da RAG

La Voz VIGO

ZONA CELESTE

Oscar Vazquez

Ademais, a palabra máis significativa do himno do Celta é a terceira máis consultada do mes

10 feb 2017 . Actualizado a las 18:30 h.

A palabra «afouteza» foi a máis buscada no dicionario online da Real Academia Galega durante a última semana, ademais de ocupar o terceiro posto na listaxe correspondente ao último mes. Así figura na propia páxina da RAG e o clube quixo facerse eco. Desde a entidade lémbrase que se trata dunha verba moi arraigada no celtismo e que agora «despois duns días nos que a familia celeste viviu unha montaña rusa de emocións, toma maior significado».

O significado de afouteza foi precisamente o reclamo da última campaña de aboados do clube, que utilizou precisamente como eslogan «ensinémoslle ao mundo o significado de afouteza».»O obxectivo do mesmo estase a cumprir literalmente», celebra agora o Celta, que aproveitou para lembrar o vídeo daquela campaña, coa voz de Eduardo Berizzo como protagonista.

Por detrás de «afouteza» aparecen «esmorga», «aquí», «amorodo», «porén», «présa», «botar», «máis», «ola» e «alí». Na lista do mes figuran por diante «esmorga» e «máis» e aparecen tamén outras como «gabeta» ou «póla».

As persoas que introduciron esta palabra no dicionario atoparon dúas acepcións posibles. A primeira é «disposición do espírito que leva a actuar ou a acometer calquera empresa sen temor aos perigos ou dificultades»; a segunda, «seguridade que alguén ten en si mesmo, carácter firme», calquera das dúas válidas para o caso do Celta. «Celtismo, seguimos juntos: ¡AFOUTEZA!», conclúe o texto do clube.