Martiño Rivas: «Saquei o carné de conducir á sétima, en Santiago. ¡Alí había menos tráfico!»

INFORMACIÓN

Está afeito desde rapaz a que o xulguen como «o fillo do escritor», pero hai xa uns anos que o escritor é «o pai de Martiño Rivas». Un diminutivo que vai moito co carácter «sentido», apegado á terra e ao familiar, do actor galego do momento
22 abr 2013 . Actualizado a las 10:50 h.H ai quen o define como o Paul Newman galego, pero Martiño Rivas (A Coruña, 10 de xaneiro de 1985) quítalle importancia á esaxeración con esa timidez próxima que abre ao encanto. Está afeito a que o xulguen anticipadamente baixo etiquetas que resumen a súa biografía como «o fillo do escritor», aínda que el nunca sentiu esa presión: «A min nunca me condicionou, pero si ao resto, que moitas veces pensaban que por ser -o fillo de Rivas- xa tiña que ter resposta para certas cousas». Do seu pai -«un referente para min»- herdou o compromiso co traballo, pero asegura que é da súa nai, Isabel López Mariño, de quen garda máis semellanzas físicas e de carácter, cun sentido do humor moi afinado que aflora cando a esixencia é máxima. Esa enerxía vén de dar froito de novo, acaba de estrear en Telecinco a serie El don de Alba e está a piques de presentar a obra La monja alférez.
-¿Martiño ou Martín? O teu nome abriuse á polémica lingüística.
-Eu chámome Martiño, e aparezo así nos créditos das pelis e das series. Firmo como Martiño desde o 2009, desde a segunda temporada de El internado. Son Martiño, ademais é como me chaman os amigos e na casa. Sinceramente non sei de onde vén o problema.
-Ese sufixo «-iño» vai tamén co teu carácter? Es moi apegado?
-Si, son moi familiar. Para min a familia é fundamental á hora de organizar a miña vida e procuro falar todas as noites con eles.
-De ti coñécese máis o lado Rivas, a marca dun apelido famoso, pero pouco da López. Que tes da túa nai?
-Gardo máis semellanzas físicas coa familia da miña nai. E tamén no humor e en ser moi sentido para unhas cousas.
-Que cousas?
-A nivel emocional, os López ou as Mariño... que son as irmás da miña nai e o seu irmán. As Mariño, como lles chamamos, son as responsables de que tivese unha infancia na que me sentín moi protexido e na que pasei moi bos momentos. Elas estiveron moi pendentes de que a familia estivese xunta, de que comésemos todos os domingos, e hoxe siga unida. Esas xuntanzas son unha das cousas que máis boto de menos.
-Nunha entrevista, teu pai confesou que asinaba autógrafos como «o pai de Martiño Rivas». Como levaches, e levas, ser fillo de Manolo Rivas?
-Analizando de forma illada, a profesión do meu pai no que me influíu foi en que tivese unha cantidade de libros a man, e acceso a moita información que ao mellor por desempeñar outros oficios outros rapaces non teñen. E iso foi unha gran axuda á hora de medrar. Sempre fun «o fillo do escritor» alí por onde íamos. Eu crecín escoitando o seu teclear, porque ademais meu pai nunca tivo un estudio, sempre preferiu escribir na súa habitación. A nivel de compromiso e de implicación é un exemplo a seguir. Un referente.
-Cal é o teu libro preferido del?
-Para min son todos especiais porque representan un momento da nosa vida. Pero lembro un relato que non é moi coñecido, que está recollido no recompilatorio El periodismo es un cuento, e vai sobre un cabalo negro que vivía nos montes de Sabucedo e apareceu morto. Recórdoo como moi conmovedor.
-Nalgún momento da túa carreira, desde que apareciches en «Mareas vivas», preocupouche non dar a talla? Non defraudar?
-Non. Non me condicionaba tanto a min como ao resto, creo. Moitas veces pensaban que por ser «fillo de» xa tiña que saber ou ter resposta para certas cousas. Síntoo. Pero non son especial. Sobrevalorábanme un pouco, así que sinto telos defraudado [risas].
-Nun sentido non defraudaches nada [risas]... Lin que o teu punto débil é esa furia de guerreiro celta, o primeiro en apuntarse á batalla, e o primeiro en sentirse derrotado...
-Emocionalmente, sobre todo á hora de relacionarme co traballo, teño moitos altibaixos. Din que a diferenza é bonita, non? O que pasa é que cando penso que non estou ofrecendo un traballo moi convincente podo tender a ofuscarme un pouco. Pero tamén creo que os nervios ou sentirte perdido serve para utilizar esa enerxía como un motor creativo.
-E a túa virtude?
-A tenacidade, a constancia. Véxome como un bóxer, que morde o óso e rexeita o feito de ceibalo.
-A túa última serie vai de fenómenos sobrenaturais. Habelas hainas?
-Eu son moi escéptico nese sentido, sempre intento buscar a explicación lóxica a todo. O que si son coas persoas é de primeira impresión. Se alguén non me gusta resúltame moi difícil disimulalo, son moi mal actor [risas]. Cústame moito o cinismo.
-Probemos: ¿Paul Newman ou Javier Cámara?
-¡Jaaaavii! É un xenio. El e Emilio Gutiérrez Caba son meus referentes.
-Así que che gustaría bailar como el en «Los amantes pasajeros»...
-Oxalá. Ultimamente teño ganas de facer un musical, aínda que me gusta moito o cine de Ken Loach. Tocoume unha fibra sensible, vin nese cine unha plataforma de contar grandes historias, de encontrar a poética na vida cotiá. Como Los lunes al sol, ou Barrio, de Aranoa. Sempre me conmoveu máis encontrar a poesía en cousas máis próximas a nós.
-Pois moitas atópana nos teus ollos [risas]. Encabezas sempre a lista dos máis guapos. Es coqueto?
-Son moi pouco constante tamén niso [risas]. Hai días que lle dou moita importancia e outros que baixo á rúa feito un desastre. Vai máis no meu estado anímico e a actividade que vou facer ese día. Digamos que procuro ter certo sentido do decoro.
-Vives a túa relación de parella sen agocharte. É para non esaxerar máis o lío mediático?
-Non sei como se ve desde fóra. Pero non me censuro á hora de saír. Gústame ir pola rúa e coller o metro... E á miña moza tamén.
-O metro mellor ca o coche...
-[Risas]. ¡Ah, si!
-Conta o do carné de conducir...
-Saqueino á sétima. Cheguei a pensar que estaba incapacitado para conducir e creo que iso me bloqueaba. Tiven mala sorte. Intenteino cinco veces na Coruña e logo en Santiago, onde o conseguín. ¡Alí había menos tráfico! [risas]. Para min foi deses grandes retos, un punto de inflexión, o día que conseguín o ¡jodido carné de conducir! Foi hai sete anos xa.
-Pero conduces, ¿non?
-Non, non, non. Non teño coche, non conduzo, de verdade? [risas].
-É certo que houbo un tempo en que o acoso foi insoportable?
-Na Coruña nunca me sentín molesto. O que pasa é que en Madrid resultábame menos chocante porque o escenario era novo. O estraño para min foi que polas rúas polas que eu antes andaba sen problema de súpeto me mirasen de esguello.
-Non sacaches os pés na terra logo.
-Non. Creo que coa fama podes tolear, pero a outros niveis. Messi ten tres anos menos ca min e iso debe de ser unha loucura.
-Estás enganchado a algunha serie?
-Miña moza e moi Homeland, pero a min enganchoume menos. Creo que sendo unha serie que está moi ben, tómase moi en serio a si mesma, fáltalle humor. Eu son máis fan de Girls.
-Xa. Será polo humor! [risas].