«A casa de Elton John ten un vagón que usa como bar para os amigos»

La Voz

INTERNACIONAL

02 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Manuel Casais Lema chegou a Londres o 4 de xuño de 1971, catorce anos despois de vir ao mundo en Ézaro. Casou dúas veces e tivo catro fillos. Inglaterra «é un país completamente diferente», subliña. E aínda que está «seguro» de que quere «morrer en España», non se queixa da vida no Reino Unido. «O peor é o clima -conta-, vai un frío tremendo, moito peor que en Galicia».

Manuel tivo a «sorte» de estar «sempre traballando». É empregado da firma Cadogan, unha empresa moi reputada de limpeza de cortinas e moquetas na que traballan un galego (el), un colombiano e un escocés. «Traballamos no number ten de Downing Street (a casa do primeiro ministro), na de Rod Stewart, na de Elton John, na embaixada británica en París, na casa da filla de Mick Jagger, en Kensington Palace, na casa de Roman Abrahmovich, na de unha curmá da raíña... Se fixera un listado, iás quedar moi sorprendido», conta fachendoso. Se puidese quedar cunha desas casas que coñece polo traballo quedaría coa de Elton John. «É incrible, ten unha piscina, os discos de platino, uns garaxes magníficos... ata ten un vagón de tren que emprega como bar para os amigos. É magnífica», conclúe.