Escribir un artigo sobre eleccións non adoita ser algo fácil porque, se ben os resultados son coñecidos, falta o máis importante, que é o desglose dos mesmos. Falta por saber exactamente onde se obtiveron os mellores e peores resultados e, sobre todo, que colectivos se mobilizaron por un ou por outro candidato e por que razóns. Iso só se saberá nun par de meses coa análise dos datos polo miúdo e coas enquisas postelectorais. Pero, neste caso, a análise é máis complicada porque aínda non se sabe con exactitude quen foi o gañador e, polo tanto, un pode caer facilmente no ridículo e publicar conclusións axiña desmentidas pola evidencia. O único bo é que neste caso concreto non van ser desmentidas con rapidez, dado que a escasa diferenza de votos —non nun —duns poucos miles de votos en case todos eles e, para agravalo, emitidos por correo en ocasións con pouco control legal—, senón en varios estados—, moito me temo que vaise dar un longo proceso de conteos e reconteos seguidos de complexos procesos xudiciais, coas peculiaridades legais de cada un dos estados. Basta cun cambio nun só deles para darlle a volta o resultado Tamén temo duras e agrias acusacións de fraude, o que pode polarizar aínda máis o país e dar lugar a disturbios.
Cando escribo estas liñas, todo apunta a que vai ser Biden o gañador. O seu éxito, aínda de non gañar, foi moi grande. Non é un candidato carismático, arrastra moitos escándalos e o mellor da súa carreira xa parecía ter pasado. Pero foi quen de recuperar parte do electorado perdido no chamado «cinto do óxido» e manter os resultados de Hillary Clinton no resto. Non houbo case cambios na orientación dos estados e, de darse, daríase nesa rexión moi simbólica porque é a zona máis prexudicada pola globalización e a desindustrialización. Polo menos conta co potencial non só de non perder máis votos alí, senón de recuperar unha pequena parte deles. Ademais, obtivo un magnífico resultado en voto popular en xeral, o que amosa que non foi mala escolla por parte dos demócratas, pois foi quen de levalos a votar.
Pero Trump, aínda que perda, non perdeu. Tamén tivo un magnífico respaldo popular en número de votos (maior co de Obama nos seus mellores tempos) e mantén o respaldo en todos e cada un dos estados onde gañou antes, e onde os perdeu fíxoo por moi pouca marxe. Conserva intacto o tirón popular e foi quen de elaborar un discurso e un estilo propio que, sen dúbida, vai permanecer na área política norteamericana. Perdeu, pero está vivo e, moi probablemente, de estar con forzas, vai querer e poder presentarse as eleccións de dentro de catro anos. De ser así, sen dúbida vai ser un referente para o seu partido e todo apunta que vai ser capaz de organizar e liderar unha oposición moi dura ás políticas de Biden e ás da súa posible sucesora, Kamala Harris. Non han ter unha lexislatura fácil.