O Portugal que embeleceu Siza

INTERNACIONAL

B. Suárez

Un conxunto de oito obras do arquitecto optan a ser patrimonio mundial

28 may 2023 . Actualizado a las 23:37 h.

Alén do seu centro histórico, Porto é un caos urbanístico moi semellante ao de calquera cidade galega: rúas sen saída, reviravoltas sorteando unha orografía antolladiza, edificios desleixados produto dun crecemento rápido e non planificado. Pero, camiñando ao chou pola cidade, de súpeto xorden oasis habitábeis, onde a harmonía do espazo permite respirar. Dentro do labirinto, o barullo visual e auditivo acouga, ábrese á cordura, os elementos toman sentido. É un sinal de que podemos atoparnos ante unha obra do arquitecto Álvaro Siza. Así acontece coas vivendas sociais da Bouça. É unha arquitectura literalmente revolucionaria, parte do proxecto SAAL (Serviço de Apoio Ambulatório Local), que xurdira inmediatamente despois da revolución do 25 de Abril para remodelar os barrios marxinais da cidade. Nestes proxectos periféricos, Siza amosa unha fonda comprensión das necesidades do seu tempo e da súa cidade, á que se propón servir en calidade de artista. «A arquitectura é un servizo», dicía nunha entrevista para a revista Jotdown. «Un servizo que, para min, se transforma nunha arte», engadía.

A súa pegada comezara anos antes, aínda baixo a ditadura de Salazar. Sometida ao centralismo no eido político, pero con renovadas arelas estéticas, a Facultade de Arquitectura do Porto, baixo o mando de Fernando Távora, empezara a propoñer novas solucións urbanas, que cristalizaron nun Siza mozo, coñecedor da tradición portuguesa, pero fondamente marcado por Walter Gropius (Bauhaus) e, sobre todo, polo finés Alvar Aalto. Dende os sesenta, as súas obras concentraban a vontade de cambio dunha cidade cansa, materialmente estancada, pero cunha visión que xa apuntaba as renovacións dos setenta. Nas súas obras ratifícase aquela idea de Víctor Hugo sobre a arquitectura como espello dunha época.

Para coñecelas, debemos ir até a veciña Matosinhos, onde todo conduce a Siza. É a súa localidade natal, onde comezou a experimentar co territorio e cuxos habitantes viven sometidos ao seu feitizo. Calquera interacción acaba cunha mención á obra de Siza. Cómpre comezar pola Casa de Chá da Boa Nova, un exercicio camaleónico onde o espazo humano se camufla coa escarpada rocha da costa atlántica. De tan integrada, prodúcese unha «falla de diálogo coa contorna» que o propio autor acabou lamentando e compensando coas Piscinas das Marés en Leça da Palmeira, unha das máis salientábeis pezas da arquitectura contemporánea en toda a Península. As paredes interrompen e acompañan simultaneamente o horizonte, a area e o ceo. A auga lisa e celeste estancada solápase co mar encrespado e escuro. Os líquidos subliman os contrastes das rochas e o formigón, do xeométrico e o salvaxe.

Siza non se impón á paisaxe, senón que intervén nela mesturando a sabedoría de elementos tradicionais coa arquitectura nórdica e o racionalismo. Así, atinxe uns edificios universais, que funcionan tanto en Santiago (CGAC), en Berlín (Bonjour Tristesse), en Barcelona (centro meteorolóxico), en Lisboa (Pavillón da Expo)..., pero sempre vencellados á súa localización. Como teorizara o arquitecto Rem Koolhass, os espazos baleiros son tanto ou máis relevantes cós construídos. Coma o silencio na música. E aí a virtude de Siza, de aí o ritmo e harmonía cos que xera espazos arquitectónicos puros, nos que converte en arquitectura todo o que atinxe ao edificio: «Se ignoramos o home, a arquitectura é innecesaria», diría.

Con esa premisa de que «non é aceptábel asociar beleza a elitismo», o arquitecto constrúe tamén a Casa Alves Costa, a igrexa do Marco de Canaveses, a Facultade de Arquitectura do Porto e, sobre todo, o Museo de Serralves. Todas no norte de Portugal. Obras que o fixeron merecedor do Pritzker en 1992, e que agora se reúnen como un conxunto monumental nunha candidatura a patrimonio mundial da Unesco. Todas elas, expresións moi distintas dunha arte, pero todas cunha sinatura inconfundíbel, realizadas coa consciencia de quen entende o seu traballo como unha responsabilidade social. Á fin e ao cabo, o seu pensamento segue a ser revolucionario: «Ter unha idea global é o xeito máis críbel de chegar á acción». A súa acción é mellorar os lugares que habitamos.