Adeus a dúas longas vidas que merecen lembranza universal

Cristóbal Ramírez congostro@gmail.com

LA VOZ DE LA ESCUELA

O profesor Dobrowolski logrou sobrevivir ao Holocausto. En memoria das vítimas do nazismo construíuse en Xerusalén o museo Yad Vashem, que ves na imaxe
O profesor Dobrowolski logrou sobrevivir ao Holocausto. En memoria das vítimas do nazismo construíuse en Xerusalén o museo Yad Vashem, que ves na imaxe NIR ELIAS / REUTERS

George McGovern e Antoni Dobrowolski defenderon a liberdade fronte a opresión

31 oct 2012 . Actualizado a las 11:42 h.

Dous pasamentos sucederon pouco menos que inadvertidos nos últimos días: tan só unhas liñas nos xornais. E sen embargo os seus protagonistas merecéronse o respecto dos seus concidadáns en primeiro lugar, e do mundo enteiro despois. George McGovern é un dos finados; Antoni Dobrowolski, o outro. O primeiro, político, activista, home que buscou saír nos medios para defender as súas ideas. O segundo, protagonista á forza cando o único que quería era ensinar aos seus alumnos. Un, McGovern, coñecido opositor á guerra de Vietnam e candidato a presidente de Estados Unidos polo Partido Demócrata, elección na que recibiu un gran pau. Outro, Dobrowolski, que foi detido pola Gestapo por ensinar a nenos nunha escola clandestina á forza na súa Polonia natal, e por iso acabou no campo de exterminio nazi de Auschwitz.

GeorgeMcGovern naceu e morreu en Dakota do Sur, e tamén os nazis se lle cruzaron na vida: alistouse como piloto na Segunda Guerra Mundial e pola súa valentía foi condecorado. En tempos de paz pasouse á política, e os votos levárono ao Congreso e ao Senado do seu país. En 1972, cun programa radicalmente en contra da guerra de Vietnam que desangraba á mocidade de Estados Unidos, aspirou á Casa Branca. Tiña diante, no Partido Republicano, a Richard Nixon, quen obtivo unha impresionante vitoria con métodos ilegais que lle levaron logo á dimisión. McGovern, que sempre mantivo posturas pacifistas e unha gran actividade humanitaria, tivo unha gran influencia no pensamento do seu partido. Cando deixou de existir contaba 90 anos.

Antoni Dobrowolski era o supervivente de Auschwitz (e doutros dous campos de concentración) con máis idade: faleceu o martes da semana pasada aos 108 anos. Corría 1942 cando foi capturado polos nazis, xa que na Polonia entón ocupada polo exército de Adolf Hitler estaban prohibidas as escolas más aló de cuarto grao de Primaria. Xa en liberdade tras a vitoria aliada na Segunda Guerra Mundial, o mestre polaco describiu o campo de exterminio como un lugar «peor có inferno de Dante» onde atoparon a morte, asasinadas, entre millón e medio e dous millóns e medio de persoas. A tráxica lista a encabezaban os xudeus, pero houbo tamén inocentes polacos, relixiosos, homosexuais de varios países e os sempre esquecidos xitanos.

Non hai constancia de que George McGovern e Antoni Dobrowolski ?enterrado o mércores na súa localidade natal, Debno? se coñecesen. E probablemente nin sequera sabían da mutua existencia. Pero ambos merecen a lembranza.

O vocabulario desta mesma páxina pon as cousas doadas, xa que introduce unha manchea de elementos para o debate: raza de escravos, prohibición (e utilidade) da escola, facer as cousas con medo...

1. Hai apuntes para a historia: ¿Que guerras máis relevantes houbo ao longo dos séculos? ¿Que guerras están en marcha agora mesmo pola Terra adiante? ¿Porque se meteu Estados Unidos nunha guerra tan lonxe -mira un atlas e non esquezas localizar tamén Alemaña e Polonia- das súas fronteiras (haberá que mirar en Internet, en es.wikipedia.org tes moita información)?

2. ¿Quen foi exactamente Dante? ¿Coñeces máis autores italianos, estean mortos ou vivos?

3. Curiosidades da vida: o apelido McGovern (¿de onde cres que procede?) é común en EE UU. Outros McGovern fundaron no Massachusetts Institute of Technology este centro de investigación: http://mcgovern.mit.edu.

Bótalle unha ollada.