A película do director Fernando León de Aranoa énos, ademais, próxima porque está rodada en Vigo e un dos personaxes principais está interpretado por Luis Tosar, acompañado por Javier Bardem. A reconversión do sector naval dos anos oitenta do século pasado pechou moitos estaleiros e deixou a moitos traballadores en paro ou xubilados prematuramente. Trátase dunha historia sen argumento. Non pasa nada especial. Os días transcorren sen ningún aliciente mentres un grupo de amigos percorren as rúas, as tascas, buscan chapuzas para gañar un cartos e pasan, un tras outro, os luns ao sol. A monotonía dunha vida sen horizonte contrasta coa espléndida beleza formal das paisaxes da ría viguesa. A cidade é o lugar polo que deambulan, pero a integración dos personaxes na sociedade é case nula. O resultado da falta de traballo fixo é un baleiro difícil de encher.