O ensino en Sudán do Sur

Cristóbal Ramírez congostro@gmail.com

LA VOZ DE LA ESCUELA

ROLLA HINEDI / UNMISS

Hai un millón de nenos sen escolarizar e a situación de guerra trouxo máis desprazados

15 ene 2014 . Actualizado a las 12:28 h.

A Unesco amosaba unha gran dose de optimismo cando arrincaba a súa andadura Sudán do Sur, o por agora último estado que se declarou independente, nacido dunha escisión de Sudán, en África. «Un novo país, un novo futuro mediante a educación», dicía a Unesco no seu documento de benvida ao Estado nacido tras unha longa guerra con fortes trazos tribais.

O pasado 20 de decembro os rebeldes mataban a dous cascos azuis e a vinte civís. O 2 deste mes de xaneiro Emma Drew, directora interina da coñecida ONG Oxfam, manifestaba dende Juba, a capital: «Estamos preocupados polas necesidade urxentes dos 75.000 novos desprazados que chegaron ao estado de Lagos fuxindo da violencia do estado de Jonglei». Nese contexto, falar de escolas é unha utopía.

Pero a pesares de todo, Sudán do Sur ten un sistema educativo que funciona? nos niveis que adoitan funcionar os sistemas educativos nos países coma ese: sen medios, con grandes doses de voluntarismo e indo á escola cando se pode. E con forte discriminación contra as nenas: en secundaria apenas hai mulleres e de feito nalgúns centros non acude ás clases nin sequera unha soa. Claro que no eido das profesoras a cousa non está mellor: hai un plan para acadar ?non se di en que prazo- un 25 % de mestras nun mundo profesional dominado agora polos varóns.

A ONG Entreculturas, que está sobre o terreo, asegura que «fronte á case total ausencia de servizos proporcionados polo Estado, as comunidades organízanse de xeito espontáneo para pór en funcionamento escolas e facilitar educación básica», e non ignora que «estas iniciativas contan con recursos humanos e materiais pedagóxicos moi precarios, que presentan gravísimas lagoas tanto en termos de cobertura como de calidade dos procesos de ensino-aprendizaxe». Ou, dito con outras verbas, as clases impártense baixo as árbores para aproveitar a sombra ou, todo o máis, dentro de edificios moi sinxelos de madeira. Libros, cadernos e algo para escribir é un luxo só ao alcance duns poucos, de maneira que a educación é memorística pura e dura.

A empresa galega Inditex tamén achega o seu grao de area, colaborando de maneira directa co Servicio Jesuita para los Refugiados (SRJ), tanto aquí como noutros países de África.

Aínda que as estatísticas son todo menos fiables, no momento da independencia segundo a Unesco había un millón de nenos sen escolarizar, e todo apunta a que a situación non debe de ser agora moito mellor. Nese ton optimista asegura que «o Goberno ten realizado grandes progresos desde que se asinou o acordo de paz no 2005, e emprendeu reformas fundamentais, en particular a homoxeneización dos plans de estudo en primaria e a racionalización das nóminas no sector público».

Pero a inestabilidade política impide consolidar calquera reforma. En xuño do ano pasado, o Goberno denunciaba un intento de golpe de Estado, algo habitual en moitos países de África (tanto o intento en si como a falsa denuncia para incrementar a represión sobre os opositores). En decembro, outra intentona militar máis. A espiral da violencia increméntase. As escolas están quedando baleiras.

Entrevista a Pablo Funes - Entreculturas

«Traballamos tanto na construción de escolas como na formación de profesores»

Pablo Funes é o responsable do departamento de África de Entreculturas, que traballa na educación en Sudán do Sur.

-¿Cal é o nivel de interese da súa ONG nese país?

-Para nós, Sudán e Sur Sudán son prioritarios. Ata o 2012 realizamos un traballo de reconstrución educativa en catro condados ao sur do actual Sudán do Sur, chamados Nimule, Lobone, Yei e KajoKeji.

-¿Cal era o seu obxectivo?

-O noso obxectivo fundamental era apoiar a sentar unhas bases educativas despois de máis de 20 anos de conflito no país e acompañar a volta dos refuxiados.

-¿Vostedes sos?

-Co noso socio, o Servicio Jesuita a los Refugiados (JRS). Traballamos na rehabilitación e construción de escolas e na formación de profesores, así como na educación de adultos e na educación para a paz.

-¿E despois do 2012?

-A partires da independencia do país o noso foco foi cambiando e concentramos os nosos esforzos en dúas rexións: en Yambio, onde aínda había poboación desprazada por mor da inestabilidade da fronteira coa veciña República Democrática do Congo, e en Maba, onde tras esa independencia se provocou un conflito armado polo control das zonas fronteirizas.

-¿É posible traballar así no eido da educación?

-En Maba, Entreculturas, co JRS, está a desenvolver proxectos educativos e de apoio psicosocial aos refuxiados.

-¿Cal é a situación agora mesmo?

-Debido aos últimos enfrontamentos armados, os equipos do JRS en Maban foron evacuados. Fálase duns novos 200.000 desprazados internos cara a Uganda, Quenia e Etiopía.

-¿Vostedes van marchar?

-Nestes intres estamos nunha fase de intentar restablecer as actividades en Maban, así como identificar as necesidades con estes novos desprazados e analizar cales serían as mellores intervencións que desenvolver.

ACTIVIDADES

1. A primeira, obvia: unha vez máis botar man do atlas para saber onde queda Sudán do Sur, onde está a súa capital, quen son os seus veciños...

2. O maior río de África ?que ata hai pouco se consideraba tamén o maior do mundo- pasa por aí. ¿Tes idea de cal é?

3. Tes todos os datos en es.wikipedia.org. Tamén en galego, gl.wikipedia.org, pero en versión moi reducida.

4. ¿Que frase che parece máis importante da entrevista? ¿Por que esa e non outra? ¿Alguén na clase coincide contigo?

5. A última, o sempre necesario debate: ¿é útil que os occidentais vaiamos a países en eterno conflito a organizar unha educación que eles mesmos parece que se empeñan en destruír con loitas tribais? ¿Non sería mellor deixalos sos e que fagan o que lles pete? ¿Vale igual a vida dun membro de Entreculturas, por exemplo, que a dun cidadán do paupérrimo Sudán do Sur?