Aperitivo para o día das nosas letras

LA VOZ DE LA ESCUELA

Galaxia celebra o 17 de maio coa publicación da poesía en galego de Díaz Castro

07 may 2014 . Actualizado a las 12:18 h.

O sábado da vindeira semana será a festa grande das letras galegas, que este ano a Real Academia Galega dedica ao poeta de Os Vilares de Parga (Guitiriz) Xosé María Díaz Pardo, un autor de obra curta, moi curta, pero todo o influínte que se queira pensar e máis. E igualmente recoñecida.

Véñense publicando dende principio de ano, como é adoitado, estudos sobre o autor e reedicións e mais compilacións da súa obra, como ten que ser, que para iso, para evitar que autores e obras caian no esquecemento, se inventou a conmemoración. Menos falar e máis ler, podería ser o lema de datas como estas.

E para ledicia nosa veuse imprimir esta Poesía galega completa do guitiricense, que, da man do editor Armando Requeixo, publica a editorial Galaxia. Un libro necesario e conveniente por dúas razóns. A primeira, porque recolle moito do material editado que andaba espallado en revistas, algunhas de difusión limitada, ademais de abondoso material inédito. E a outra, porque o autor ten escrito tamén poesía noutras linguas e algunha prosa, co que compría delimitar este campo.

AUTOR DE POUCOS

Dedicado na súa madureza intelectual de cheo á súa profesión de tradutor, Díaz Castro só publicou en vida un libro de versos, o titulado Nimbos. E non o tivera feito, sen dúbida, de non ser pola insistencia de Fernández del Riego ou Piñeiro, sobre todo, quen durante case cinco anos lle pediran o manuscrito. O primeiro dera a coñecer ao poeta na súa Escolma de poesía galega (Galaxia, 1955).

O libro, fundamental na lírica en galego de posguerra, coñeceu varias edicións (e modificacións) en vida do autor, e tamén tras o seu pasamento, en 1990. Deixou, amais, dous cadernos rematados antes da guerra: Follas verdes e Follas ao aire.

A Poesía galega completa que vén de publicarse ten un estudo preliminar do editor e se divide en dúas: poesía édita e inédita. A primeira inclúe Nascida d?un sono, o tríptico de sonetos co que gañara os Juegos Florales de Betanzos, os Nimbos e as composicións, case unha trintena, incluíndo algunhas póstumas, que o autor foi publicando en revistas, xornais e volumes colectivos e que non estaban, até agora, compiladas. A segunda parte, recolle as Follas verdes e as Follas ao aire da mocidade e non poucos poemas que nunca se imprimiran. O volume péchase cunha escolma epistolar.