Na India, unha minoría de falantes dunha lingua milenaria intentan preservala do perigo de extinción
28 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.O sánscrito é unha lingua milenaria que ben pode mirar con envexa a non moi louzá saúde do galego. Aínda así, pódese dar por satisfeito se mide a súa sorte pola do latín, pois aínda hai quen, uns 60.000 falantes, a usan como vehículo de comunicación na India. A lingua perfecta (que iso é o que significa samskrta) pertence á familia indoaria. As máis de cincocentas linguas desta familia contan cuns 1.350 millóns de falantes.
Nos últimos anos, un importante movemento cultural trata de recuperar o sánscrito como lingua cotiá na India, onde a falan menos do 1 % dos habitantes, e a maioría son sacerdotes que a empregan só para actos de culto. Na Semana do Sánscrito pódese escoitar os alumnos entoar cánticos nesta lingua ou asistir a clases de matemáticas védicas, segundo podemos ler nunha reportaxe da BBC. Razóns non lles faltan aos indios para envorcarse nas actividades. «É a nai de todas as nosas linguas», di a directora dun instituto. «Todo o mundo intenta preservar as súas tradicións», engade. «Se sabes sánscrito, é doado entender moitas linguas da India», di un estudante.
Aínda así, a norma do Goberno recentemente elixido non foi ben recibida en todas partes, pois hai estados nos que se percibe como unha imposición nacionalista que persegue estender a relixión e a cultura hindús a costa doutras minorías.
Unha lingua milenaria
A realidade é, non obstante, que só é lingua cooficial nun estado (Uttarakahnd) e que o censo de falantes que teñen o sánscrito como lingua primaria é de 14.000 persoas. Nas escolas non se enfronta só á preferencia doutras linguas polos estudantes, senón tamén a un ensino que deixa moito que desexar.
Hai documentos que permiten fixar que no 2500 antes de Cristo o sánscrito xa estaba constituído, aínda que hai quen lle outorga outros 1500 anos máis de antigüidade e outros, máis conservadores, falan do 1200 antes de Cristo. Unha data lonxana, en todo caso, pero difícil de precisar.
O que está máis claro é que a partir do primeiro milenio antes de Cristo o que se chama sánscrito védico quedou confinado na escrita: nos textos sagrados e na liturxia do hinduísmo, pero tamén nos do budismo. O texto védico máis antigo é o Rig Veda (Veda, ou libro sagrado, dos cantos), datado no 1000 antes de Cristo.
Mentres, as formas faladas (ou prácritos: prakrta significa ?lingua común?) seguiron a evolución que deu lugar ás modernas linguas indoarias: hindi, bengalí, maratí, penyabí, asamés... Foi algo parecido ao que ocorreu máis preto de nós co latín. Hai un latín clásico (ou literario), que primeiro ficou recluído nos textos científicos e relixiosos e hoxe ninguén fala fóra do Vaticano e dalgúns círculos de nostálxicos, e un latín vulgar (ou falado), que é e verdadeira nai das linguas románicas.
A súa importancia relixiosa impulsou o estudo do sánscrito co fin de preservar a súa pureza. Así, no século IV antes de Cristo, na súa época de maior esplendor, Panini describe o sánscrito nunha gramática escrita no alfabeto devanagari. Foi este lingüista indio quen fixou na súa gramática a norma clásica do sánscrito. Desde entón, acada unha consideración divina e os escritores tómana como modelo literario, ata que no século X comeza a súa decadencia.
ACTIVIDADES
Compara os números do un ao dez en latín, inglés e sánscrito. Se non os coñeces, búscaos nestas ligazóns:
En latín: www.educatube.es/los-numeros-en-latin/
En sánscrito: http://bit.ly/1Avnv86
Kalidasa foi un poeta e dramaturgo indio, nado no século IV. Autor dunha brillante produción poética, podes ler a súa biografía en http://bit.ly/1yEhEgl. E tes un poema traducido en http://bit.ly/1xJ47m4.
Panini e a súa gramática. A «Astadhyayi», chamada así porque ten oito libros ou leccións («adhyaya»), é unha normalización da tradición védica que fixa a fonoloxía e a gramática do sánscrito clásico. Panini, herdeiro dunha longa tradición relixiosa que desexa preservar a correcta pronunciación e significado das palabras, organizou a súa obra con criterios lóxicos e empregou o alfabeto devanagari, que significa ?escritura dos deuses? (Deva significa ?Deus? ou ?diviño?).