As Letras Galegas homenaxean o prolífico intelectual pontevedrés
13 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe non che vou dar ningunha nova que non saibas, porque seguro que lembras que o vindeiro domingo é festa, e ti unha cousa así non a esqueces. En efecto, é a festa das Letras Galegas e, a pouco que mirases o xornal, xa poderías saber, desde principios de xullo do ano pasado, que o homenaxeado é Xosé Fernando Filgueira Valverde. Aínda que só sexa polo balbordo que levantou a elección do pontevedrés nas ringleiras nacionalistas. Aquí non imos dicir máis, pero se queres saber de que ía a discusión abonda con que leas na web de La Voz un par de noticias: a titulada «Anova di que a elección de Filgueira Valverde busca ?demoler? o Día das Letras» (http://bit.ly/1Ezbsqc) e «O neto de Bóveda defende que o Día das Letras se lle dedique a Filgueira» (http://bit.ly/1DGEsIG). Resumamos a liorta en que os nacionalistas rexeitan a elección de quen foi alcalde de Pontevedra por razóns políticas, aínda que recoñezan a súa altura intelectual.
Biografía
Nado en Pontevedra o 28 de outubro de 1906, finou na cidade do Lérez a piques de cumprir os 90 anos, un 13 de setembro. Logo de rematar o bacharelato estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela en 1927. Nesta universidade comezou Filosofía e Letras, que continuou en Zaragoza, onde acadaría o grao de doutor cunha tese sobre unha das cantigas a Santa María de Alfonso X. En 1935 gañou a cátedra de Lingua e Literatura do instituto Balmes de Barcelona e, tras pasar por Lugo, cinco anos despois acada praza en Pontevedra. Será director desde 1946 ata 1976 do Instituto Masculino desta cidade, ata a xubilación, onde o amplo recoñecemento do seu alumnado valeríalle o alcume de «vello profesor».
Filgueira Valverde participou na creación dalgunhas das institucións culturais máis relevantes xa desde mozo, como, con 17 anos e con Armando Cotarelo Valledor, Castelao, Lois Tobío, Cabeza de León, Gómez Román, Bouza-Brey e outros, o Seminario de Estudos Galegos. Pechado despois polo réxime franquista, refundouno con Sánchez Cantón e Xesús Carro como Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento en 1943, integrándoo no Centro Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), que dirixirá de 1971 a 1981. En 1947 cofundou a Editorial Bibliófilos Gallegos, que convocou premios de novela e tradución e publicou títulos emblemáticos das nosas letras, incluída a primeira tradución completa da Biblia ao galego.
O Museo de Pontevedra, fundado en 1927 co impulso dun padroado do que formaba parte xunto con, entre outros, Daniel de la Sota, Casto Sampedro, Álvarez Limeses, Raimundo Riestra, Losada Diéguez, Castelao e Sánchez Cantón, foi a empresa cultural predilecta de Filgueira Valverde. Baixo a súa dirección, entre 1940 e 1986, o museo enceta un ambicioso programa de expansión que se completa cunha colección de pezas que achegan unha visión panorámica da evolución das artes galegas desde a súa orixe ata os nosos días e da que ten especial importancia a adquisición do legado de Castelao pola iniciativa persoal do homenaxeado.
Filgueira Valverde foi membro de número da Real Academia Galega desde 1941 e vogal do padroado do Instituto da Lingua Galega a partir de 1972. Tamén foi o primeiro conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia (1982-1983), e o segundo presidente do Consello da Cultura Galega (1991-1996). En política, fundou en 1935 a Dereita Galeguista e logo da Guerra Civil foi alcalde de Pontevedra de 1959 a 1968.
Reedicións significativas da súa obra
Co gallo do Día das Letras Galegas as editoriais adoitan facer reedicións que axudan o autor a recuperar actualidade. A meirande parte da produción literaria de Filgueira Valverde é erudita: seguindo a recompilación que recolle a Real Academia Galega (http://bit.ly/1I3zhJf: picando onde di «Obra», debaixo da foto) atopamos un dicionario (Vocabulario popular galego-castelán, Vigo, 1926) e de seguido unha longa restra de guías e catálogos e outra de ensaios, dentro dos cales enumera os Adrais (ata nove: son os tomos nos que el mesmo xuntou os artigos escritos que tiña escrito para os xornais). Engádese a lista dos seus traballos como editor.
A obra, por así dicilo, menos seria, compona dúas narracións breves, unha obra de teatro e un auto sacramental feito ao xeito medieval que a editorial Galaxia vén de publicar con algúns interesantes engadidos en dous tomos moi recomendables para dar a coñecer o autor aos alumnos. O Vigairo contén, alén da obra deste título publicado en 1927, o inédito A monxa-frade (un encargo para Contos do Castromil, de 1992), a obra dramática Agromar e o auto sacramental Aucto de Santa María (publicado en Grial, número 25, en realidade co extenso título Aucto de como Santa María foi levada aos ceos pra a festa da nosa señora en agosto, refeito con testos dos séculos XIII e XIV).
A outra é Quintana viva, un feixe de relatos que o propio autor cualificou de «prosa poética» e que comeza coa súa primeira obra, Os nenos (1925), á que engade outras «narracións do feitío que Castelao soubo axiña soerguer como ninguén e nomear para sempre cousas». Filgueira Valverde explica que a escolma baséase na unidade duns relatos «que mellor espellan o xeito que tivemos os mozos dos anos vinte de enxergar o vivir galego». Tanto unha como a outra edicións de Galaxia van ilustradas en portada con pinturas de Ovidio Murguía, fillo de Rosalía de Castro.
Non poderiamos esquecer aquí que dentro de dous días, o venres, ao mercar o periódico poderás facerte cunha selección dos seus artigos xornalísticos por un precio ben barato: un euro. Xosé Filgueira Valverde. O noso Adral é unha antoloxía que edita o acádemico da RAG Xesús Ferro Ruibal e publica La Voz de Galicia na colección Biblioteca Gallega.
ACTIVIDADES
- Lembra a noticia: «Xosé Filgueira Valverde será homenaxeado no Día das Letras Galegas do 2015»: http://bit.ly/1Q5XOjB
- Podes acadar unha mellor comprensión da talla intelectual de Filgueira Valverde neste artigo publicado en La Voz: «Filgueira, un intelectual y polígrafo de gran talla. La obra de Xosé Filgueira Valverde supera los 300 títulos», que podes descargar desde esta ligazón: (http://bit.ly/1DGH3Cx)
- Para coñecer a fondo a obra do homenaxeado, a autorizada «Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual», de Xesús Alonso Montero (Galaxia, 2015). Le a recensión en La Voz (http://bit.ly/1bpL3AD).
- A web do Seminario Galán, elaborada desde o CEIP de Galán (Arteixo), engade á información sobre o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2015 diferente material didáctico para utilizar en rede, orientado aos tres ciclos de educación primaria e educación infantil: www.seminariogalan.org