Un libro extraordinario

LA VOZ DE LA ESCUELA

Unha das páxinas do manuscrito, da sección dedicada á botánica
Unha das páxinas do manuscrito, da sección dedicada á botánica libro

Na Universidade de Yale gardan un enigmático manuscrito de cinco séculos de antigüidade que ninguén é capaz de ler

14 oct 2015 . Actualizado a las 17:48 h.

Os descoñecidos carácteres que poboan as páxinas do Manuscrito de Voynich parecen corresponder a unha lingua tamén estraña. Poida que soe a misterio, pero quen se viron desconcertados por el, sobre todo especialistas en criptoanálise, incluso preferían falar de broma ou de engano. Ata que hai un ano Stephen Bax, un lingüista experto en aprendizaxe da linguaxe por medio de computadores e en análise computerizada do discurso, publicou «A proposed partial decoding of the Voynich script», un artigo no que ofrece unha «proposta parcial de descodificación», ou sexa, unha base lingüística sólida para entender un libro tan enigmático que nin a Axencia Nacional de Seguridade estadounidense (NSA) logrou descifralo.

É un códice de 252 páxinas que se custodia na Biblioteca Beineckle de Libros Faros e Manuscritos, da Universidade de Yale (Estados Unidos), á que o doou en 1969 o bibliófilo austríaco Hans Peter Kraus, un sobrevivente do Holocausto, tras adquirilo en 1961. En 1912, cando o colexio de Villa Mondragone (preto de Roma) da Compañía de Xesús estaba ao bordo da quebra, os xesuítas puxeron á venda a súa preciosa biblioteca e fíxose cunha colección de 30 manuscritos o coleccionista polaco Wilfrid M. Voynich. Entre eles estaba o que agora leva o seu nome: de autor descoñecido, aínda que algúns o atribúen a Roger Bacon, O manuscrito de Voynich está escrito cuns carácteres estraños que ata a data ninguén logrou descifrar.

A súa historia é tan discutible como a cantidade de lagoas das que está tecida. Se podemos dar por bos, polo menos, os datos que proporciona a Biblioteca Beineckle, o códice pertenceu ao emperador Rodolfo II do Sacro Imperio Romano Alemán (1576-1612), que o comprou por 600 ducados de ouro crendo que o escribira o filósofo Roger Bacon. É moi probable que llo comprase ao astrólogo John Dee (1527-1608), que ao parecer posuía outras obras de Bacon. Rodolfo II regaloullo a Jacobus Horcicky Sinapius de Tepenecz (1575-1622), un alquimista de orixe humilde que chegou a ser responsable da farmacia real de Praga e foi honrado polo emperador cun título nobiliario por sanalo; intentou descifralo sen éxito e a súa firma pódese ler con luz ultravioleta no primeiro folio do manuscrito, o que constitúe a principal proba de que o libro non é unha falsificación moderna. Á súa morte, George Baresch (c. 1590-c. 1665), outro alquimista da corte de Rodolfo II, investiu 43 anos da súa vida en intentar traducilo: en balde.

O códice pasou entón a mans de Johannes Marcus Marci (1595-1667), que impartiu clases de Medicina na Universidade de Praga. Tamén gastou parte da súa vida en intentar entender o manuscrito, e acabou por cederllo en 1666 ao xesuíta especialista en linguas mortas Athanasius Kircher (1601-1680), que o depositou na biblioteca de Villa Mondragone, onde descansou ata que o adquiriu Voynich, sen ter logrado tampouco descifralo.

OS DATOS OBXECTIVOS

O manuscrito de Voynich foi composto a finais do século XV ou no século XVI en Europa central, aínda que a data exacta non foi fixada. No 2011, a Universidade de Arizona aplicoulle a proba do carbono 14 e datouno, cunha fiabilidade do 95 %, entre 1404 e 1438. O McCrone Research Institute de Chicago demostrou que a tinta foi aplicada non moito despois, confirmando así que o manuscrito é un auténtico documento medieval.

Non é moi grande: 225 por 160 milímetros de alto e ancho, e 50 de grosor, incluíndo as fortes tapas de vitela (unha especie de pergamiño feito de coiro de cordeiro moi traballado e fino) que foron engadidas posiblemente no século XVII para protexer as súas páxinas. Consta, segundo figura na ficha da Biblioteca Beineckle, de 102 folios escritos ou debuxados por ambas as caras e de varios despregables: cinco folios dobres, tres triplos, un cuádruplo e outro séxtuplo. Polo tanto, 252 páxinas.

As súas follas están paxinadas (seguindo a numeración arábiga) no anverso, aínda que con algunhas incorrecciones nos folios despregables, o que dificulta saber con exactitude cantas páxinas lle faltan: arrincáronlle ao manuscrito 28 folios, aínda que non hai forma de saber se algún era despregable.

Escrito a pluma, o texto está iluminado e profusamente ilustrado con acuarelas. Os carácteres están enlazados, non soltos, e o libro parece escrito de corrido e sen erros, un dato que, xunto con outros, invita a pensar que foi copiado (a imprenta inventouse en 1440). Aparentemente está dividido en palabras, pero carece de signos diacríticos e de puntuación. A tipografía é cursiva humanista, un estilo que estivo en voga en Europa no século XV.

As numerosas ilustracións, que en contra do que puidese parecer dificultan o descifrado do manuscrito, reproducen plantas exóticas, estrelas e constelacións e desconcertantes figuras humanas ao longo de todas as páxinas, excepto na última sección, que contén unicamente texto. Segundo a Biblioteca Beineckle, que se basea no que representan os debuxos, poden distinguirse seis secciones. Primeiro, un herbario, que contén 113 especies botánicas sen identificar. A sección astronómica inclúe cartas astrais, círculos radiais, soles e estrelas, símbolos zodiacais como os de Pisces, Tauro e Saxitario, mulleres espidas que emerxen de chemineas e figuras distinguidas. A terceira é a biolóxica, cun gran número de miniaturas de mulleres espidas, talvez embarazadas, mergulladas nun líquido verde en piscinas interconectadas por unha complexa rede de tubos e cápsulas. A seguinte, máis críptica, contén varios folios despregables nos que se representa unha matriz de nove medallóns cosmolóxicos e posibles accidentes xeográficos. Debuxos de máis de cen herbas medicinais e raíces gardados en botes forman a quinta sección. E a última posiblemente ten receitas, cun símbolo similar a un asterisco diante de cada parágrafo.

Primeiras pistas para resolver o enigma

O criptoanalista Stephen Bax sostén que, aplicando métodos que xa funcionaron para, por exemplo, descifrar os xeroglíficos exipcios, logrou unha descodificación parcial do Manuscrito de Voynich, coa que espera abrir o camiño definitivo cara ao seu desciframiento. O descubrimento permítelle a Bax afirmar que non é ningunha fraude, senón un tratado sobre a natureza concibido para transcribir unha lingua, ata entón nunca escrita, dunha pequena comunidade que talvez se extinguiu.

Bax, segundo explica, intentou unha vía ata agora non explorada: partiu dos debuxos de plantas e tratou de identificar os nomes que lles dá o manuscrito cos doutros herbarios medievais, o que lle permitiu descubrir 10 palabras e o son aproximado de 14 dos símbolos, o que cre que pode servir de trampolín para chegar a descifrar completamente o códice.

Entre as palabras identificadas por Bax figuran as correspondentes a Taurus, xunto ao debuxo de sete estrelas, e a Kantairon (centáurea), unha herba medicinal ben coñecida no medievo. Ademais, cre que descifrou tamén os nomes para coandro, héboro e xenebreiro, xunto aos seus debuxos.

Bax dedica parte do seu artigo a argumentar que o manuscrito non é ningunha fraude nin, como sostiveron outros desconcertados estudosos, o resultado dalgún tipo de cifrado mecánico a partir dun texto sen sentido. A lonxitude das palabras, o número de repeticións e a distribución das palabras máis comúns, o uso de reduplicacións... non son alleas a outras linguas coñecidas.

SABER MÁIS

- ¿Canto vale? Hans Peter Kraus, o bibliófilo especializado en libros raros, comprou o códice aos herdeiros de Voynich en 1961 por 24.500 dólares e inmediatamente o revalorizou en 100.000. Tras intentar vendelo por 160.000 dólares, sen éxito, en 1969 doouno á Biblioteca Beinecke.

- Para ver o manuscrito completo, e intentar descifralo: http://bit.ly/18BaPjy

- «Indiana Jones and the Philosopher's Stone», de Max McCoy, é a primeira novela que protagoniza este aventureiro. Indy ten que recuperar un manuscrito antigo que contén as fórmulas para facer ouro e a da eterna mocidade. Un alquimista desaparecido e un especialista no Renacemento algo lunático, Sarducci, parecen os autores do roubo do «Manuscrito de Voynich».Indy chega a Roma na súa busca coa irmá do alquimista. Na ficción novelesca, o códice é tamén un mapa que conduce á máis antiga e magnífica cripta do mundo...