Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Altamira está de aniversario

Patricia Barciela

LA VOZ DE LA ESCUELA

x

Este testemuño artístico excepcional cumpre trinta anos como patrimonio da humanidade

16 dic 2015 . Actualizado a las 05:45 h.

A Conferencia Xeral da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, na súa reunión de París de 1972, aprobou garantir a protección internacional daqueles bens culturais e naturais de singular relevancia, así como arbitrar medidas de cooperación e colaboración en materia de conservación. E foi a partir de aí que existe a «Lista do patrimonio mundial», cos bens do patrimonio cultural e do patrimonio natural que posúen un valor mundial excepcional. A cova de Altamira foi incluída nesa lista en 1985 por «representar unha realización artística única do xenio humano e por aportar un testemuño excepcional dunha civilización desaparecida». No 2008 engadíronse á declaración xa existente de Altamira outras 17 covas con arte rupestre do norte de España. 

Altamira é unha representación única do espírito creador do ser humano. Podemos gozar nela de diversas técnicas artísticas, como debuxo, pintura e gravado. E tamén está presente na cova o uso de grandes formatos, o naturalismo, a abstracción e o simbolismo. Foi o primeiro lugar no mundo no que se identificou a existencia da arte rupestre do Paleolítico superior. Bisontes, cabalos, cervos, mans e estraños signos pintáronse e gravaron nas súas paredes durante miles de anos. Mentres estivo habitada, desde hai 35.000 ata 13.000 anos, foi un lugar de expresión para os seus moradores. As representacións esténdense por toda a cova, ao longo de máis de 270 metros, aínda que as pinturas polícromas son as máis coñecidas. Aínda que falar de policromía non é de todo exacto, xa que en realidade só se utilizan dous pigmentos: o negro de carbón e o vermello de óxido de ferro, aplicados directamente ou disoltos en auga. A sensación de ser unha variedade máis ampla de cores débese ao uso da cor da roca para harmonizar co vermello e o negro. Tamén as formas naturais do teito e as gretas utilizáronse para dar volume ou para debuxar o contorno das figuras. Conservalas nas mellores condicións é todo un reto científico.

Os problemas de conservación da cova veñen de longo. Os desprendementos de rocas sucédense desde que se formou; de feito, o que sucedeu hai 13.000 anos destruíu e tapou a entrada. E foi por iso que o ambiente interior mantivo unhas condicións estables favorables para a conservación da súa arte rupestre. 

Con todo, desde o seu descubrimento todo cambiou. O intercambio de aire co exterior, as oscilacións que sufriu de temperatura e humidade, así como a construción de muros, camiños e instalacións eléctricas e as visitas de miles de persoas contribuíron a desestabilizar o ambiente da cova, afectando ao seu patrimonio artístico. É por isto que a cova de Altamira está pechada ao público na actualidade, existindo un programa de investigación que determinará o impacto da presenza humana sobre a conservación das pinturas, e decidirá si é posible visitar o conxunto e garantir a seguridade deste tesouro da humanidade.

SÍMBOLOS

A creación de símbolos está intimamente ligada coa orixe da arte. Durante moitos anos pensouse que o pensamento simbólico era unha característica exclusiva do Homo sapiens. Pero na actualidade existen numerosos indicios de que os Homo neanderthalensis tamén tiñan este tipo de pensamento hai, polo menos, uns 40.000 anos. As probas atópanse na existencia de útiles como fragmentos de ósos gravados, pinturas e adornos corporais que apareceron xunto a esqueletos desa especie humana. Foron os primeiros artistas.

O pensamento simbólico é un dos atributos que mellor caracterizan a condición humana. Esta capacidade permítenos dar significado á representación dun obxecto ou unha idea. E aínda que non sexamos conscientes diso, poñémola en práctica cada día, porque está detrás de todos os xogos que facemos, todas as novelas que lemos, todas as películas que vemos ou todas as pinturas que contemplamos.

A ORIXE DA ARTE

As mostras prehistóricas máis elaboradas de pensamento simbólico foron realizadas polo Homo sapiens hai entre 35.000 e 10.000 anos. 

Son as pinturas rupestres que foron localizadas no norte de España (Altamira) e no sur de Francia (Lascaux). Estas atopáronse no interior de profundas cavidades onde os humanos deberon traballar iluminados por fachos ou lámpadas de aceite. Representan animais, figuras e tamén moitos signos abstractos sobre cuxo significado aínda non existe acordo.

ARTISTAS DA PREHISTORIA

Na Domus, o museo dedicado ao ser humano da Coruña, a arte e a prehistoria teñen o seu sitio. Os alumnos poden participar nun taller no que teñen ocasión de converterse en artistas prehistóricos e coñecer os materiais, técnicas e temas favoritos dos nosos antepasados. A actividade desenvólvese no Laboratorio Aberto do museo, e compleméntase cunha visita á exposición interactiva Homínidos e Homínidas.

É unha actividade educativa deseñada para alumnos de educación primaria (3.º a 6.º) e educación secundaria (1.º e 2.º).

Podes encontrar máis información aquí: http://goo.gl/x0Atj9