Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Demasiadas cousas na cabeza

Ana T. Jack

LA VOZ DE LA ESCUELA

MARCOS CREO

A sobreestimulación nos nenos provoca estrés e problemas de atención

16 dic 2015 . Actualizado a las 05:45 h.

Hoxe en día, calquera neno de 10 anos da nosa contorna máis próxima recibiu moitísima máis información que calquera outro Homo sapiens dos que pasaron por este planeta nos últimos miles de anos. Probablemente viu películas animadas de tiranosauros e velociraptores, vídeos da superficie de Marte, imaxes reais dun feto no útero da súa nai, linfocitos facendo o seu traballo no sistema inmunolóxico... Por non falar de imaxes de guerras, atentados terroristas ou programas informáticos nos que, por exemplo, debe ir atropelando persoas para sumar puntos. É un volume de información moi difícil de manexar, si a comparamos coa que recibiamos hai apenas 50 anos, cando as experiencias proviñan da noso entorno máis inmediato: familia, amigos e colexio. Como moito, radio e televisión. 

O triste é que, en certo xeito, agora o teñen máis difícil. Son demasiados estímulos para seleccionar, valorar e asimilar por un cerebro en pleno desenvolvemento. A isto chámaselle sobreestimulación. E malia iso os pais empeñámonos en enriquecer e encher os ocos da axenda dos nosos fillos con máis actividades para que aproveiten o tempo.

PREVIR A HIPERACTIVIDADE

Guillermo Cánovas, premio Unicef 2013 polo seu labor en favor da infancia, compara este problema co da adicción ás drogas: «O problema da sobreestimulación é que, do mesmo xeito que fan as drogas de sínteses, provoca o que denominamos tolerancia. É dicir, o organismo afaise a recibir con regularidade a súa dose de estímulos, ata que chega un momento no que tal dose non lle satisfai. Que fai entón? Pois moi sinxelo: buscar unha dose maior. Os nenos que viven este efecto fanse cada vez menos sensibles aos estímulos da contorna, e necesitan cada vez máis. Vólvense hiperactivos, ou se mostran desmotivados mentres a súa imaxinación e creatividade vanse mermando. Cústalles centrarse moito tempo nunha mesma actividade, e senten que os seus pensamentos atropélanse os uns aos outros».

Por iso Guillermo Cánovas defende que os nenos deben ter todos os días verdadeiro tempo libre (non dirixido) para poder xogar, pensar, charlar, interactuar cos outros... ¡ou mesmo tamén para aburrirse! Porque só así eles acabarán atopando as súas propias motivacións e centrando a súa atención no verdadeiramente importante.