Asia destrona a Europa no informe PISA

Cristóbal Ramírez

LA VOZ DE LA ESCUELA

Unha clase na Hollandse School de Singapur
Unha clase na Hollandse School de Singapur LUCY GRAY

Unha pedagoxía baseada na competitividade coloca a encraves como Singapur, Hong Kong e Macao no alto dunha clasificación onde tamén figuran Estonia e Irlanda

14 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Asia manda. Polo menos no informe PISA. Singapur, outra vez Singapur e de novo Singapur ocupa o primeiro lugar nas tres competencias que foron analizadas en maio do 2015 (cuxos resultados foron coñecidos o martes pasado): lectura, matemáticas e ciencia. Nos dez primeiros lugares da competencia lectora Asia copa cinco, sete no caso das matemáticas e outros sete no de ciencias. Estonia e Irlanda manteñen o tipo, así como Noruega e Suíza. España non sae moi mal parada.

¿Que é o que está sucedendo para que Europa non poda sacar peito e si o faga un continente moito menos desenvolvido? Todos os especialistas e críticos -destes abundan no que fai referencia a PISA- apuntan a que se trata de concepcións educativas completamente diferentes e que non poden ser comparadas.

O sistema occidental baséase cada vez máis na innovación na aula e na procura de novos espazos pedagóxicos onde o papel do alumno vaia cambiando cara a unha maior participación e capacidade de decisión. Maioritaria aínda que non exclusivamente, dende o fin da Segunda Guerra Mundial enténdese que a escola é un marco de socialización, algo que resulta innegable nas comunidades pequenas, rurais, vilegas ou de barrio.

Pola contra, en Asia a educación é unha carreira de obstáculos típica dunha concepción economicista da educación: hai que ser o mellor para saír adiante, superar ao veciño, e para iso hai que deixar en segundo plano outras actividades propias da idade. Xornadas longuísimas entre o ensino regrado e mais as academias privadas, case ausencia de tempo de lecer, angustia familiar polo resultado das probas (que sempre teñen ese carácter selectivo) son as que levan a, por exemplo Hong Kong, Corea del Sur, Macao ou Xapón aos primeiros postos de Pisa. Os alumnos que non van dando o nivel van quedando atrás sen posibilidade de volta de folla.

A web especializada Aulaplaneta, agora sen vida, deixábao ben claro o ano pasado: en Corea do Sur os alumnos «pasan na escola entre seis e sete horas. Ás cinco da tarde, o propio centro ofrécelles unha cea rápida para que cheguen puntuais á academia, ou hagwon, onde reciben de catro a cinco horas máis de clases particulares [...]. Os estudantes surcoreanos estudan 16 horas máis á semana ca media da OCDE».

Finlandia deixa de ser o gran modelo ao que imitar

Non sae ben parada Finlandia no novo PISA. Non porque non ocupe postos de cabeceira, senón porque ou sinxelamente se mantén ou vai suavemente para abaixo: quinta en competencia en ciencia (baixou en puntuación), cuarta en comprensión lectora (baixou en puntuación) e duodécima en competencia matemática (volveu baixar). ¿Estamos ante o fin do milagre finlandés?

O certo é que nese país nórdico PISA importou menos ca temperatura do día. En ningún centro se traballou pensando nese informe, como publicou en varias reportaxes en La Voz de la Escuela este enviado especial. Annukka Kosonen, hispanista e profesora de Español nun instituto, respondía a semana pasada a ese xornal á pregunta do por que dese camiño descendente: «Non teño resposta, non sei por que non está Finlandia arriba, pero quizais outros países traballaron máis ca antes». ¿Esclerotizouse o ensino? A profesora Kosonen cre que non: «Vexo algúns cambios aquí, pero seguro que cambian tamén os mozos doutros países». E bota man de esa tranquilidade que parecen ter todos os docentes finlandeses: «Non creo que haxa que alarmarse por non ser os primeiros nun ano, os anos que veñen ensinarán se realmente cambiou algo ou non».

O xornalista Héctor G. Barnés lembrábao en maio deste ano: a educación finlandesa era un «mito», pero empregaba o vocábulo de maneira negativa, e sustentábase nunhas afirmacións de Gabriel Heller, director de Investigación do Centro para a Reforma do Mercado da Educación. Heller viña dicir que os xa pasados excelentes resultados non se debían ás innovacións nas aulas, senón a que desde hai decenios se reforzou «o clima escolar xerárquico e tradicional», e que precisamente as recentes prácticas colaborativas e experiencias semellantes son as que marcan o declive.

TRES PREGUNTAS SOBRE PISA

  • ¿Cada canto tempo se fai o informe PISA? Cada tres anos.
  • ¿Cantos anos teñen os estudantes que fan as probas? 15, pero tan só os que están escolarizados, como é lóxico, se ben iso á súa vez produce unha distorsión da realidade do país. En Costa Rica, por exemplo, unicamente o 50% dos mozos acuden ás aulas.
  • ¿É obrigatorio para os países da Unión Europea? Para nada. É unha iniciativa da Organización para a Cooperación e Desenvolvemento de Europa (OCDE). Participa quen quere da propia OCDE e mesmo moitos países que non teñen nada que ver con ela.

 

 

 actividades

Hai un debate cada vez máis actual e que ten que desenvolverse a dous niveis, entre os profesores e na aula: ¿que vantaxes e desvantaxes ten a concepción educativa europea e que vantaxes e desvantaxes a concepción asiática? ¿Ata que punto é importante figurar arriba en PISA? En Finlandia non lle dan importancia, pero en Dinamarca non hai moito houbo toda unha reforma tras os non malos pero tampouco brillantes resultados. Ao igual que en Alemaña, convocáronse claustros para tratar o tema monograficamente. ¿Por que non facer o mesmo en Galicia e dar exemplo?