A crecente manipulación informativa coloca os medios de comunicación tradicionais na vangarda de defensa dos valores que serven para cohesionar as sociedades occidentais
08 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Postverdade, feitos alternativos, novas inventadas, redes sociais difundindo auténticas trolas... ¿Onde está o xornalismo? ¿Que foi daquilo de publicar noticias o máis preto posible do que realmente pasou, confirmándoas por dúas fontes distintas se o periodista non era testemuña directa? ¿Afecta iso á credibilidade e aos xornais?
Post-truth (ou sexa, postverdade) foi considerada polo Dicionario Oxford a palabra do ano 2016, o neoloxismo que abría unha porta a un escenario mundial totalmente distinto ao coñecido: primeiro foi o brexit (a saída de Gran Bretaña da Unión Europea) e logo o sorprendente triunfo de Donald Trump en Estados Unidos. Ese ben famoso dicionario dicía que tal verba «denota circunstancias nas que os feitos obxectivos inflúen menos na formación da opinión pública que os chamamentos á emoción e a crenza persoal». Por certo, que foi o sociólogo norteamericano Ralph Keyes quen en 2004 acuñou o neoloxismo, o cal pasou entón con máis pena que gloria.
Iso, a recorrencia á emoción e á crenza, manexárono maxistralmente os nazis, como ben resumiu un dos seus xerarcas, Joseph Goebbels: «Unha mentira repetida adecuadamente mil veces convértese nunha verdade». E se non hai prensa libre, así chega a ser. Desmontar outra postverdade -a existencia de armas de destrución masiva en Iraq para xustificar a invasión do país- levou meses a investigadores e xornalistas. Era, tamén, rigorosamente falsa.
A iso sumouse máis recentemente o dos feitos alternativos, que, dunha maneira simple, consisten en negar a realidade por supostamente estar manipulada polos medios de comunicación tradicionais: prensa, radio e televisión. O caso máis claro é a información de canta xente asistiu á toma de posesión do propio Trump: cando os xornais amosaron fotos comparativas, unha alto cargo da Casa Blanca falou dos feitos alternativos. É dicir, que unha realidade obxectivable podíase ver de dúas maneiras contrapostas.
En ocasión recórrese ou ben a novas moi desfasadas ou a elevar a categoría o que é un feito moi concreto. Nese terreo móvese un xornal na web, mediterraneodigital.com, que tanto saca unhas declaracións sexistas dun xuíz de hai media ducia de anos e provoca a indignación colectiva en Facebook como atribúe a inmigrantes calquera mal habido e por haber ou aproveita o relativo desacougo con que se retirou o rei Juan Carlos I para metelo no caso da suposta corrupción do expresidente catalán Jordi Pujol.
Unha vella maneira de actuar
A postverdade non é algo novo. O emprego da verba si, pero non o concepto, que foi utilizado polo poder. Cómpre dicir que historicamente a versión que se daba -dende as Acta diurna, consideradas o primeiro xornal da historia e nadas en Roma aló polo ano 131 antes de Cristo- era xusto a do poder. E cómpre lembrar que eran os propios militares quen informaban á opinión pública de como ían as cousas no campo de batalla, dando sempre unha versión favorable aos seus intereses. Lóxico.
Iso cambiou no ano 1854, cando o director do inglés The Times tomou unha decisión revolucionaria: enviar un dos seus xornalistas á guerra de Crimea, onde estaban as tropas británicas loitando contra as rusas. E aló foi William Howard Russell, autor das primeiras informacións non oficiais dun conflito. E tan crúas que ata na casa real do seu país se escoitaron voces pedindo, sinxelamente, que se linchara ao xornalista, cousa que por sorte para el non aconteceu.
Ollo ás redes sociais
As redes sociais son un niño de mentiras. Por suposto que teñen moitos aspectos positivos, pero a maioría dos seus usuarios comparten contidos sen lelos, sinxelamente por un título explosivo. Ademais, ao non confirmaren as fontes, todo vale. Por exemplo, a noticia de que o papa lle daba o seu apoio á candidatura de Donald Trump á Casa Branca foi compartida... ¡un millón de veces! E, claro está, era falsa por completo.
O sempre opaco entorno do Kremlin montou un conglomerado de comunicación coñecido como RT, con gran presenza nas redes sociais e sempre con novas sen confirmar ou claramente deformadas (e manipuladas, no peor dos sentidos). Un digno herdeiro, en fin, das axencias soviéticas, meras reprodutoras do que decidía o propio Kremlin.
As mortes de famosos cando seguen ben vivos é outro dos recursos habituais para gañar seguidores nas redes. Así, Natalie Portman, George Clooney o Harrison Ford terían entregado a súa alma, cousa rotundamente falsa.
Actividades
Unhas indicacións para non morder o anzó
- Ante a aparición de noticias que poden ser falsas (chamadas «fakes»), postverdades ou feitos alternativos, cómpre ir a un medio serio: todos teñen páxina web.
- Esa noticia non aparece nelas? Vale máis esperar a que eses medios serios confirmen as informacións -cousa que leva o seu tempo- que lanzarse a propalar mentiras. Non hai nada que non poda esperar.
- Certo: todo o mundo se equivoca, e ata «The New York Times» publicou algunhas reportaxes falsas. A diferenza con outros é que despediu aos autores e publicou unhas liñas de desculpa.
- A credibilidade é fundamental no xornalismo. E ademais do medio está a persoa que asina. ¿Quen di que? ¿É de fiar? ¿Coñécese? ¿É a primeira vez que publica? ¿Será un pseudónimo? Os xornais serios identifican crónicas e reportaxes.