Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Como escribir textos de opinión?

Jesús Garrido / chuchogarrido@icloud.com

LA VOZ DE LA ESCUELA

Para escribir un texto de opinión hai que empezar por atopar unha noticia que interese
Para escribir un texto de opinión hai que empezar por atopar unha noticia que interese MARCOS CREO

Ás toas, parece que o mellor é intentalo, xa: escribir un texto de opinión e talvez gardalo no noso pupitre, esperando mellores tempos. Pero hai que atreverse e publicalo, aínda que só sexa para o grupo no que convivimos. É relativamente fácil. Basta con coñecer unha noticia que nos interesa para que xurda en nós unha opinión que, en primeira reacción, dicimos ante os demais, mesmo a discutimos e cada un defende o seu. Despois repítennos que as opinións que se dan espontaneamente no grupo poden ser moi diverxentes, demasiado espontáneas, que nos baseamos en datos incompletos, mesmo falsos, que nos deixamos levar por intereses e preferencias persoais, que discutimos sen máis.

25 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

 

Para animarnos a escribir e manifestar un pouco ordenadamente a nosa opinión sobre as noticias que nos rodean, adoita proporse un adestramento en dúas estruturas: unha analítica, e outra obxectiva.

 

Estrutura 1: análise

Está no esquema analítico que vimos hoxe en primeira páxina e que, máis ou menos, ten en conta os 11 pasos: tema, título, preguntas, obxectivo, datos, interpretación, punto de vista, idea central, supostos, conclusións, implicacións que adoitan levar consigo os artigos de opinión, aínda que non sempre explicitamente todos xuntos.

 

CLARIFICACIÓN

Unha primeira opción é entender suficientemente cada un dos 11 pasos.

  • Para iso debemos afondar un pouco máis, seguindo a descrición de cada un dos pasos expostos na cita completa que se nos dá no apartado de Actividades (5) da primeira páxina de hoxe.
  • Dividímonos en grupos de catro. Cada subgrupo eliximos un texto profesional de opinión nas páxinas do xornal e buscamos nese texto datos que reflictan dalgún modo os 11 pasos técnicos suxeridos.
  • Debemos recordar o que xa dixemos anteriormente: non sempre aparecen dun modo explícito eses hipotéticos 11 pasos, ou talvez xurdan algúns que deben levar un nome distinto.
  • Despois de dúas análises de textos profesionais, facemos un primeiro ensaio: Cada subgrupo elixe unha noticia e escribe sobre ela un texto de opinión, indicando claramente que pasos aparecen.
  • Móstrase e discútese cos restantes subgrupos en que puntos ven claros ou non os 11 pasos requiridos ou algúns de eles…

 

Estrutura 2: obxectividade

A segunda estrutura fíxase no modo de ser e estar, na actitude persoal que as persoas mostramos habitualmente na forma e ton da nosa exposición, máis aberta ou pechada cando discutimos cos demais dun modo informal no grupo e, máis tarde, sen preocuparnos moito de se somos obxectivos no que dicimos ou non.

 

CLARIFICACIÓN

Para verificar se cada un de nós somos ou non obxectivos nos nosos textos de opinión, buscamos algunhas frases publicadas por Ray Dalio nas súas entrevistas nos xornais, ou entresacadas do seu libro Principles, ou do seu último TED 2017 (https://www.principles.com) que centra o problema da obxectividade no tipo de mentalidade pechada ou aberta que condiciona a obxectividade das nosas opinións.

 

 

MENTALIDADE PECHADA

Por que teñen dificultade en ser obxectivos cando falan e opinan?

  • Non lles fales de pór en cuestión as súas ideas.
  • Desgústanse porque non logran que outras persoas estean de acordo coas súas ideas no canto de facer algún esforzo por pescudar por que outros defenden o contrario que eles pensan.
  • Non adoitan preguntar por que outros opinan o contrario do que eles defenden, non queren explicacións que poden ameazar o que e les pensan.
  • Simplemente responden: estás equivocado, estás equivocado.
  • Prefiren facer declaracións e non facerse preguntas sobre a súa opinión.
  • Pensan máis en refutar a outros que en escoitar o que din e defenden.
  • Buscan máis ser comprendidos ca comprender aos demais.
  • Non dan facilmente a palabra aos demais.
  • Ás veces non defenden unha idea, senón a si mesmos, e por iso son, entre outras razóns, moi pouco susceptibles dun cambio de opinión.

 

MENTALIDADE ABERTA

Por que adoitan ser máis obxectivos os que teñen unha mentalidade aberta?

  • Teñen maior curiosidade en pescudar por que outros están en desacordo.
  • Admiten facilmente a posibilidade de estar equivocados na súa opinión.
  • Dedican máis tempo a ver e falar sobre a diferenza de opinións.
  • Consideran que o desacordo é un medio intelixente para ampliar o seu propio coñecemento.
  • Non teñen medo a que lles fagan preguntas sobre o que pensan.
  • Buscan en que está o punto crave do desacordo.
  • Admiten que estar no correcto leva consigo ás veces cambiar de opinión.
  • Miden o que outros opinan polo resultado obxectivo que logran.
  • Dedican algún tempo a ver as cousas desde os ollos dos demais e piden máis datos para entendelo mellor.
  • Teñen capacidade de manter dúas ideas opostas na mente ao mesmo tempo e seguir funcionando ata que se vexa máis claro.
  • Teñen un certo sentido de humildade e non lle dan voltas cando recoñecen que se equivocaron.

 

  • Puntúa de 0 a 4 as frases que, ao teu xuízo, mellor definen cada mentalidade.