A próxima semana celebramos o aniversario da Carta Magna, que foi ratificada polo pobo en 1978
29 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.O vindeiro mércores non haberá La Voz de la Escuela porque será festa, para celebrar que se cumpre o trixésimo noveno aniversario do referendo no que o pobo ratificou a Constitución española de 1978. Esta celebración é moi sinalada para a escola porque coñecer a Constitución debe ser obxectivo principal da educación dos nenos. Pero non só coñecela, mais tamén valorala, compartila e sentirse orgullosos dela. Algo estaría a funcionar mal se non fósemos capaces de sentir o san orgullo de compartir os principios básicos que nos identifican e que constitúen a nosa identidade. Somos españois os cidadáns que compartimos unha Constitución que é de todos. Se ao terminar a educación básica, que debería igualar a todos os nenos de España non só en oportunidades de adquirir coñecementos, senón tamén na asunción dos valores que conforman a nosa concepción do mundo e da sociedade en que vivimos, non conseguísemos que todos eles compartan o respecto pola lei que nos define como ente social e histórico nun mundo globalizado, significaría que algo moi importante está a fallar no sistema educativo.
Por iso, dedicar polo menos unha semana do curso a estudar e reflexionar sobre a Constitución constituirá un exercicio educativo proveitoso e enriquecedor.
A CONSTITUCIÓN DO 78
Chamouse a da concordia e tamén a do consenso porque se fundamentou sobre eses dous alicerces. A sociedade española viña dunha experiencia traumática, unha guerra civil moi cruenta e unha ditadura moi longa. A historia pasounos unha durísima factura e todos estaban dispostos a pór definitivamente un remedio. Por iso o punto de partida foi sentar un pacto constituínte polo que todos os partidos políticos participarían na redacción do texto constitucional. Había que conseguir a constitución de todos, non a da esquerda nin a da dereita, nin a dos monárquicos nin a dos republicanos, nin a dos centralistas nin a dos nacionalistas, senón a de todos. Tivo unha longa xestación e foi amplamente debatida. Os seus textos discutíronse na Cámara e fóra dela. Con frecuencia ao debate no salón de plenos das Cortes seguíanlles outros máis informais entre grupos máis reducidos de deputados de distintos partidos en restaurantes, que, con frecuencia terminaban en discusións a dúas entre Fernando Abril Martorell e Alfonso Guerra que remataban a moi altas horas da madrugada pactando un texto que ao día seguinte volvería debater a Cámara. Así foise xestando, aos poucos, artigo a artigo. Todos os partidos foron deixándose pelos na gateira. Uns tiveron que renunciar á república e aceptar a monarquía, outros renunciaron a conservar a centralidade do Estado e admitiron as autonomías, a laicidade do Estado, a educación privada sostida con fondos públicos, etcétera. O resultado foi que, ao final, cando xa estaba toda ela redactada e tivo que someterse ao voto final, aprobárona co seu voto afirmativo a práctica totalidade dos membros das dúas Cámaras. As últimas votacións arroxaron un resultado de 551 votos afirmativos, 11 votos negativos e 22 abstencións. No referendo do 6 de decembro participou o 58,97 % do censo electoral e o voto afirmativo alcanzou o 87,78 %.
A entrada en vigor da Constitución culminou o período histórico denominado Transición, un proceso legal e pacífico que levou a España desde a ditadura á democracia. Desde entón mantivéronse case 40 anos continuados de estabilidade e progreso nos que pasamos de ter unha renda per cápita de 2.009 euros en 1978 a 24.100 en 2016.
Os pais da Carta Magna
Os deputados que recibiron o encargo de redactar un primeiro borrador de texto constitucional foron os sete que se integraron no relatorio. Eles realizaron o traballo básico e importante de presentar un primeiro proxecto e de ir introducindo nel os cambios que se aprobaban na Cámara, chamados emendas. Estes sete deputados representaban todo o espectro ideolóxico das Cortes. Non se excluíu a ningún grupo ideolóxico. Era un principio fundamental do plan consensual. Desde entón chamóuselles os pais da Constitución e os seus nomes quedaron para a historia. Foron os seguintes:
- Gabriel Cisneros Laborda: deputado por UCD, partido gobernante, considerado ideoloxicamente de centro.
- Manuel Fraga Iribarne: deputado por AP, conservador.
- Miguel Herrero y Rodríguez de Miñón: deputado por UCD.
- Gregorio Peces Barba. Deputado do PSOE, progresista.
- José Pedro Pérez Llorca: Deputado de UCD.
- Miquel Roca Junyent: Deputado por CDC, catalanista. En representación dos partidos nacionalistas.
- Jordi Solé Tura: Deputado do PSUC, partido comunista de Cataluña.
Xunto a eles, aínda que non formaban parte do relatorio, tiveron tamén un singular protagonismo Fernando Abril Martorell, de UCD, e Alfonso Guerra, do PSOE. Os consensos fóronse alcanzando a través dunha intensa relación persoal entre os deputados dentro e fóra dos recintos oficiais das Cortes.
Que é unha Constitución
É a lei básica sobre a que se constitúe unha nación, a pedra angular sobre a que se constrúe todo o seu ordenamento xurídico. Nela defínense varias cousas fundamentais:
- Primeiro: quen é o suxeito da soberanía, é dicir, cal é a fonte da que emana todo o poder do Estado.
- Segundo: que forma política ten o Estado.
- Terceiro: que dereitos e obrigacións fundamentais teñen os seus cidadáns.
- Cuarto: como se estrutura e organiza o Estado, cales son os seus órganos de acción e como se relacionan entre eles.
- Quinto: como se reforma a constitución.
España foi dos primeiros países do mundo en ter unha Constitución, a de 1812, a Pepa, que redactaron e aprobaron as Cortes de Cádiz, mentres o país enteiro loitaba contra as tropas de Napoleón.
actividades
A1. Investigade cales foron os temas nos que resultou máis difícil alcanzar o consenso.
A2. Nas monarquías absolutistas do antigo réxime a soberanía residía na persoa do monarca que evidenciaba esta circunstancia engadindo ao seu nome oficial o título de «rei, pola graza de Deus». A nosa Constitución di que «A soberanía nacional reside no pobo español, do que emanan os poderes do Estado». Discutide que significa iso.
A3. Buscade na Constitución que artigos se refiren especificamente á poboación en idade escolar (por exemplo, os artigos 12, 27, 39…) e discutide como e en que medida vos afecta.