
Un estudo identificou zonas sas do arrecife que poderían axudar a rexenerar estes animais danados
20 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Os arrecifes de coral, que constitúen o ecosistema mariño con maior biodiversidade do planeta, proporcionan alimento e refuxio a unha cuarta parte das especies dos océanos, unha característica pola que foron denominados as selvas tropicais do mar. Os corais poden parecer plantas, pero son animais moi sensibles aos efectos do cambio climático e outras ameazas naturais, como ocorre cos que forman a Gran Barreira de Australia. Cunha extensión que supera os 2.000 quilómetros, poboados por máis de 3.800 arrecifes, máis da metade desta contorna viuse danada gravemente nos últimos 30 anos. O incremento da acidez da auga, o seu quecemento, a sobrepesca ou a proliferación excesiva dun dos maiores depredadores dos corais, a estrela de mar coroa de espiñas, son algunhas das causas.
RESISTENCIA NATURAL
Un grupo de investigadores da universidade australiana de Queensland liderou un estudo no que se localizaron un centenar de arrecifes na Gran Barreira con potencial para rexenerar preto da metade de todo este ecosistema. Son corais con capacidade para producir larvas que se dispersen e alcancen outros arrecifes que necesitan recuperarse, e que reúnen tres criterios que os converten nos candidatos idóneos para a reposición. En primeiro lugar, están ben conectados por correntes mariñas que lles permiten chegar amplamente ao resto de arrecifes. En segundo lugar, están pouco expostos aos factores ambientais nocivos, o que facilita que poidan fornecer suficiente cantidade de larvas. Para rematar, teñen capacidade de recuperar as especies desexables, pero non dispersan outras que poden resultar prexudiciais, como a destrutiva estrela de mar coroa de espiñas.
O descubrimento desta resistencia natural da Gran Barreira de coral australiana abre unha fiestra á esperanza para a súa recuperación. Con todo, os científicos advirten que non será suficiente se non se toman medidas locais de protección sobre estes arrecifes, e se non se frean as emisións de dióxido de carbono que contribúen ao quecemento global da Terra.
Mergúllate na Rede
SEGUIMENTO DESDE O ESPAZO
O satélite da Axencia Espacial Europea Sentinel-2 obtivo imaxes da Gran Barreira de coral australiana en diferentes momentos dos inicios deste ano. A comparación das fotografías tomadas ao longo de semanas revelan episodios da branqueo e escurecemento. A boa resolución das imaxes e a toma continuada destas a través deste tipo de satélites facilita un seguimento sistemático dos arrecifes. As imaxes pódense ver nesta dirección:
n goo.gl/eDz59y
UNHA ESTRELA DE MAR DEVASTADORA
A coroa de espiñas é un dos poucos animais que poden alimentarse dos corais. Orixinaria dos océanos Índico e Pacífico, a súa gran proliferación nos últimos anos, en brotes que chegan a concentrar máis de 100.000 exemplares por quilómetro cadrado, supón unha importante ameaza para os arrecifes, xa que cada exemplar pode chegar a consumir uns dez metros cadrados de coral ao ano.
Este vídeo mostra a este voraz depredador en acción:
n goo.gl/HHyeYT
Arrecifes galegos
Os arrecifes de coral non só crecen en augas tropicais. A uns 180 quilómetros da costa galega, a unha profundidade de entre 650 e 1.500 metros, áchase a cima dun monte submarino, o Banco de Galicia, que reúne unhas condicións de dispoñibilidade de nutrientes, topografía e circulación de masas de auga que a converten nunha zona cunha elevada biodiversidade. Entre a gran variedade de especies e hábitats que alberga están os seus arrecifes, nos que destacan corais brancos de augas frías, así como comunidades de corais negros, corais bambú, gorgonias e esponxas. As estruturas que forman estes arrecifes proporcionan a moitas outras especies un espazo para acubillarse, alimentarse e reproducirse.
O hábitat Arrecifes do Banco de Galicia, considerado como un enclave de gran riqueza biolóxica, forma parte da Rede Natura 2000, unha rede europea cuxo obxectivo é garantir a conservación de hábitats e especies nas súas áreas de distribución natural.
O branqueo dos corais
Os corais son animais que viven en colonias. Algunhas especies, como as da Gran Barreira, forman esqueletos calcarios que dan lugar a formacións moi robustas, cun desenvolvemento parecido ao dos troncos das árbores. A maioría dos corais que forman arrecifes están cubertos dunhas algas microscópicas coas que manteñen unha relación simbiótica, de beneficio mutuo. As algas alóxanse nos tecidos do coral, ao que proporcionan a materia orgánica que producen a través da fotosíntese, ademais de ser responsables das súas cores.
Os aumentos de temperatura da auga, a sobreexposición ao sol e a contaminación provocan que as algas se desprendan do coral, que perde así a súa principal subministración de nutrientes e a súa cor, tornándose esbrancuxado. Os corais descolorados poden volver recubrirse de algas, pero se persiste a fonte de perturbación poden chegar a morrer.