Lingua materna, bilingüismo, desenvolvemento sostible

Jesús Garrido / chuchogarrido@icloud.com

LA VOZ DE LA ESCUELA

j14f8147
j14f8147 karendesuyo

A Unesco relaciona o Día Internacional da Lingua Materna 2018 cos seguintes temas: «Preservar a diversidade lingüística, apoiar os obxectivos do desenvolvemento sostible». Trátase, xa que logo, de obxectivos que deben convivir xuntos e que cada un fortalece os demais. Boa tarefa e duro traballo co anuncio deste día singular. E talvez poidamos entender que a forza da primeira lingua é tanta que vai axudar a que os dous obxectivos seguintes poidan acadarse mellor se damos a palabra, a súa palabra, aos máis de 350.000 nenos que nacen cada día no mundo enteiro. O demais, quizais, irá vindo, por riba. Vai por eles: goo.gl/k3MWcc

21 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Edulingüe 2020 en cifras

Galicia conta na actualidade con 322 centros plurilingües, 40 máis con respecto ao curso 2016/17. Isto significa multiplicar por máis de 5,5 o número de centros plurilingües que había no curso 2010/11, que era de 58. En canto ás seccións bilingües, aumentaron en 231, un 6 % máis con respecto ao curso pasado. En concreto, son 110 os centros que incorporan seccións bilingües, dos que 34 fano por primeira vez. En canto ás linguas estranxeiras das novas seccións, 223 son de inglés, seis de francés e dúas de portugués. Entre os obxectivos da estratexia Edulingüe no horizonte do 2020 está acadar os 500 centros plurilingües, 600 novas seccións bilingües e duplicar o número de auxiliares de conversa ata chegar aos 1000.

  • https://www.edu.xunta.gal/portal/linguasestranxeiras/

1. Linguaxe e educación: documento base

Presentamos unha síntese do documento elaborado na 5.ª conferencia internacional sobre a linguaxe e a educación celebrada en Bangkok (Tailandia), en outubro do 2016, e que a Unesco considera básico para entender mellor a importancia da lingua materna.

1.1 SDG (Sustainable Development Goals). Obxectivos para o desenvolvemento sostible. A lingua materna é tamén clave para o desenvolvemento da aprendizaxe ao longo da vida.

1.2 MTB-MLE (Mother Tongue Based Multilingual Education). O programa educativo comeza na linguaxe materna e resulta básico para a educación multilingüe. A linguaxe materna é o que utiliza o alumno para expresarse mellor, con maior fluidez, e con iso vaise introducindo gradualmente noutras linguaxes.

1.3 TRES LINGUAS. A educación multilingüe é a utilización de polo menos tres linguas na educación. Unha primeira lingua, ou lingua materna; unha lingua rexional ou nacional e unha lingua internacional.

1.4 O IDIOMA DO FOGAR. Aprender no idioma do fogar dun alumno proporciona unha base sólida sobre a cal se poden construír con éxito outros idiomas e habilidades:

  • Prepara mellor aos estudantes para acceder a oportunidades de educación superior e ás habilidades técnicas e vocacionais necesarias para o emprego.
  • O uso dos propios idiomas dos educandos ofrece oportunidades para que todas as persoas contribúan ao seu máximo potencial e sexan participantes activos na ruptura do ciclo da pobreza.
  • Axuda a abordar a desigualdade de sexos, ao permitir que as nenas e as mulleres participen plenamente na súa propia aprendizaxe.
  • A nivel mundial, un número desproporcionado de persoas analfabetas son nenas e mulleres.
  • Nos lugares onde o idioma do fogar non se utiliza na escola isto é aínda máis grave, cun 30 ou 50 por cento menos de probabilidades de que as nenas se inscriban na escola respecto dos nenos.
  • Cando se lles dá a oportunidade de aprender e desenvolverse nunha aula onde se usan os seus idiomas, as nenas e os nenos tamén poden comezar a redefinir o seu rol e as súas normas dentro das súas propias culturas.

1.5 DIVERSIDADE CULTURAL

  • O respecto da diversidade cultural e lingüística conduce á paz, a cohesión social e o desenvolvemento sostible (obxectivos 4.5, 4.7).
  • A paz, a cohesión social e a cidadanía global só son posibles cando as persoas confían na súa propia identidade e teñen a oportunidade de participar na procura de solucións aos seus propios problemas.
  • As políticas e prácticas que abarcan a diversidade cultural e lingüística son esenciais para unha vida sa e sostible e a incorporación de sistemas de coñecemento locais con enfoques innovadores a través de asociacións sólidas que conducen a unha atención máis efectiva para o noso mundo.

2. Modelo icónico MTB-MLE

Cun certo humor e grafismo icónico, a Unesco presenta para os escolares un modelo de alumno -desde a cabeza até os pés- que pode figurar nas nosas aulas e cuxo obxectivo é lograr entender un pouco mellor a transformación e os beneficios que levaría consigo o logro desas dúas siglas, cuxo significado queda explicado ao principio desta páxina.

PENSAMENTO, BOCA, MAN, OLLOS, CORAZÓN, IDENTIDADE, PÉ

  •  PENSAMENTO: pensador crítico, tomador de decisións, que utiliza as súas propias linguaxes e experiencias como recurso para acceder a outras oportunidades.
  •  BOCA: participante confiado, participante activo, que usa a linguaxe de xeito efectivo cos demais e participa de xeito seguro e proactivo nas discusións, creativo.
  •  MAN: participante colaborativo, que usa as súas habilidades únicas xunto con outros e collidos da man.
  •  OLLOS: mira de lonxe, aprendiz para sempre, visualizando novas oportunidades en todo, incluída a súa propia cultura e formación.
  •  CORAZÓN: determinado, apaixonado, que está comprometido e motivado para ver o progreso e marcar a diferenza.
  •  IDENTIDADE: pegadas persoais que desenvolven unha identidade forte e saudable, ten esperanzas e soños para o seu futuro e empatía con quen o rodean.
  •  PÉS: camiñante da paz que está preparado para seguir o seu propio camiño, pero tamén busca puntos de conexión cos demais.