Tal día como hoxe, un 21 de novembro, pero do ano 1783, dous seres humanos convertéronse en pioneiros da aviación ao ascenderen por primeira vez ao ceo a bordo dun aparato aerostático
21 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Aínda que a navegación aérea superou e revolucionou aquela primeira experiencia, os paseos en globo seguen espertando interese, ata o punto de que algunhas ascensións se converteron recentemente nun espectáculo de masas, igual que outrora. O 14 de outubro do 2012, os noticiarios de todo o mundo transmitiron como un home, que ascendera nun globo de helio ata unha altura de case 39.000 metros, saltaba ao baleiro para iniciar unha caída libre. Durante o descenso logrou converterse no primeiro ser humano en superar a velocidade do son (1.234,8 quilómetros por hora), e acadou os 1.357,6 quilómetros por hora sen ningún instrumento de empuxe, só protexido polo seu traxe de astronauta. Pouco durou a marca: o 24 de outubro do 2014 o vicepresidente de Google lanzouse desde 41.425 metros.
Pero ata finais do século XVIII a maior altura á que o ser humano lograra ascender era a que lle permitía a escalada dos altos cumes de montaña. Así que en Europa o Mont Blanc dos Alpes franceses era o punto máis alto, a tan só uns 4.800 metros. O ceo estaba moito máis lonxe.
O acontecemento que impulsou o soño humano de voar sucedeu cara a mediados do século XVIII, cando dous irmáns, fillos dun fabricante de papel, xogaban cunhas follas na cheminea; en ocasións, aqueles papeis ascendían empuxados polas correntes de aire quente. Anos máis tarde, inspirados por aquela observación, os irmáns Montgolfier, Joseph-Michel e Jacques-Étienne, acenderon un lume baixo un enorme globo de tea e papel en xuño de 1783 e, nunha demostración pública, conseguiron que se enchese de aire quente, se elevase e voase durante uns dez minutos. Igual que agora, as novidades tecnolóxicas espertaban medo e admiración, así que os intentos de ascender en globo convertéronse pronto nun espectáculo de masas. Pero para os campesiños descoñecedores daqueles enxeños tecnolóxicos, un globo aerostático era algo estraño e ameazador; así que cando un dos primeiros globos aterrou a 20 quilómetros da capital francesa e asustou ás xentes, non dubidaron en destruílo con pedras, coitelos e apeiros de labranza.
Pouco máis tarde realizouse a primeira ascensión en globo de seres vivos. Sucedeu no mesmo Versalles baixo a atenta mirada de máis de cen mil franceses, presididos polo seu rei e toda a corte. Dentro dunha cesta enganchada baixo o globo ascenderon unha ovella, un pato e un galo. O obxectivo era investigar os efectos que tiña a altura nos animais e, a partir de aí, conseguir o permiso real para intentar o primeiro voo con tripulantes humanos. A pesar do éxito, o monarca non estaba convencido de que a experiencia fose segura, así que accedeu, pero propuxo que dous condenados en prisión fosen os que experimentasen a sorte da travesía aérea. Un científico e un marqués lograron que cambiase de opinión e o 21 de novembro de 1783 sobrevoaron o ceo de París nunha travesía que durou 25 minutos e levounos a 9 quilómetros de distancia.
A EXPANSIÓN
Pronto o aire quente substituíuse polo hidróxeno, un gas moito máis lixeiro, e as ascensións en globo estendéronse por moitos lugares do mundo. O primeiro voo sobre territorio español está documentado entre dúas localidades estremeñas: Plasencia e Coria. Foi durante marzo de 1784. O globo converteuse nunha icona, sobre todo en Francia, onde se debuxaba ata nas vaixelas. O feito é que cara a finais de 1784 xa se rexistraran en Europa 180 voos. Na conquista deste espazo descoñecido, como era a atmosfera, tamén houbo numerosas baixas. En 1875 tres homes lograron chegar ata os 9.600 metros, pero só sobreviviu un; a falta de osíxeno foi a sorpresa mortal.
Os globos seguíronse empregando para investigar, pero sen tripulación humana. O resultado destas aventuras permitiu descubrir a composición e estrutura da nosa atmosfera. E o globo, igual que o telescopio para a astronomía ou o microscopio para a bioloxía, converteuse nun instrumento froito do avance tecnolóxico que servía para empuxar a ciencia cara a novos horizontes.
Festa científica de globos
O aire ocupa espazo
Parece que o aire que nos envolve é tan lixeiro que non podemos detectalo, pero unha sinxela actividade con globos pode resultar ilustrativa.
Utiliza unha percha para a roupa e cólgaa en equilibrio. Infla dous globos coa mesma cantidade de aire e átaos cun fío a cada extremo. Seguirá en equilibrio.
Agora desincha un deles: que sucede?, por que pasa isto?
Utiliza pequenos clips metálicos para equilibrar a percha. Cantos clips equilibran o aire que tiña o globo?
- https://goo.gl/uVJjq4
Levitación
O plástico co que se fabrican os globos pódese cargar electricamente cando o fregamos sobre unha superficie de la. Como as cargas do mesmo signo se repelen e as de signo contrario se atraen, esa electricidade pode empregarse para realizar divertidas actividades. Se construímos un anel de plástico a partir dunha bolsa da compra e tamén o fregamos, poderemos sostelo en levitación sobre o globo, aínda que será necesario practicar un pouco.
Outra experiencia é achegar o globo cargado ao xeito: que sucede cando o fas?
- https://bit.ly/1CODzlp
Burbullas de xabón
O aire que expiramos pola boca está máis quente e pesa menos que o que nos arrodea, así que, se o capturamos dentro dunha burbulla de xabón, provoca o seu ascenso no aire; o vento, por lixeiro que sexa, encargarase de dispersala. A creación de burbullas pequenas é relativamente sinxela (con auga e xabón), pero se queres experimentar para facelas de gran tamaño debes engadir outras substancias.
- https://bit.ly/2A0gT5Q
O globo que non explota
Estamos tan habituados a observar que os globos explotan cando se pican cunha agulla que esta actividade parecerá un exercicio de maxia. Sorprendentemente, é moi fácil atravesar un globo cunha agulla de calcetar sen que estale. A técnica é perforar polos dous puntos onde o plástico é máis espeso e soporta menos tensión, é dicir, por onde está a boquilla que serve para inflalo e xusto polo lado oposto.
- https://www.youtube.com/ watch?v=6oIBHW9KfKc
Propulsión a chorro
O escape libre do aire co que se inflou un globo provoca unha forza que pode empregarse para mover pequenos traballos manuais. Unha actividade interesante é deseñar e construír un cochiño capaz de aproveitar o empuxe do aire comprimido nun globo. Será unha forma de pór en evidencia o principio físico de acción e reacción. Existen numerosas formas de construílo a partir de materiais sinxelos. Na aula, esta actividade podería converterse nunha divertida competición para premiar o coche que chegue máis lonxe coa mesma cantidade de aire.
- https://bit.ly/2PwyrRz
- https://bit.ly/2qPzddD
Resiste o lume
Esta é outra actividade que podería utilizarse como truco de maxia. Os globos cheos de auga tamén serven para experimentar e descubrir unha interesante propiedade da auga, a súa capacidade calorífica. E é que un globo con auga pode colocarse sobre a chama dunha vela e soportar o lume sen explotar. A auga do interior absorbe a calor evitando que se eleve a temperatura do plástico e que este se queime. Esta propiedade é a mesma que suaviza o clima nas rexións costeiras.
- https://bit.ly/2KbMsOO
Non hai que esquecer ler
Xulio Verne (1828-1905) foi un escritor francés que se fixo famoso polas súas novelas de aventuras e de ciencia ficción. Moitas das súas creacións convertéronse en clásicos literarios, como 20.000 leguas de viaxe submarina ou Da Terra á Lúa. A primeira das súas novelas foi Cinco semanas en globo (1863), e nela relátase as aventuras dunha viaxe de descubrimento polo exótico e descoñecido continente africano daquela época.
Festa científica de globos!