O 2019 xa está aquí

Fernando Pariente

LA VOZ DE LA ESCUELA

afp_20190102_134717863
afp_20190102_134717863 ADRIAN DENNIS

O ano que entra vén con novas noticias

09 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

La Voz de la Escuela comeza a súa andaina polo 2019. Doce meses sen estrear cheos de expectativas e riscos. É tempo de planificacións. Empresas, organizacións e individuos fixan obxectivos e establecen estratexias para acadalos. Pero para acertar é necesario coñecer ben o terreo de xogo: que nos vai deparar este 2019? A maior parte dos acontecementos que van ocorrer sonnos descoñecidos, pero hai outros que están determinados porque o que vai pasar é consecuencia do que pasou.

 

500 ANOS DA CONQUISTA DE MÉXICO

Hai cincocentos anos da chegada de Hernán Cortés a México: o 25 de marzo de 1519 fundou a primeira cidade, Santa María de la Victoria, hoxe desaparecida, e comezou a conquista do continente americano. Días máis tarde fundou Villa Rica de la Vera Cruz, antecesora da actual Veracruz, que agora está 70 quilómetros ao sur. Alí queimou dez das once naves da frota que trasladou aos españois desde Cuba, co que se fixo imposible a retirada.

50 ANOS DA CONQUISTA DA LÚA

Algúns aínda seguen dubidando que o home chegara á Lúa, pero o certo é que nesta carreira espacial o presidente Kennedy conseguiu que un norteamericano puxera o pé no satélite antes cós rusos. A transcendencia do momento destacouna o astronauta Neil Armstrong ao dicir: «Este é un pequeno paso para un home, pero un gran paso para a humanidade».

 

500 ANOS DA EXPEDICIÓN DE MAGALHÃES

Unha frota de cinco navíos e 239 homes partiu de Sanlúcar de Barrameda o 20 de setembro de 1519. Exploraron a costa de América do Sur ao longo de 1520, pero tiveron que buscar refuxio. Pasado o mal tempo, continuaron e o 21 de outubro chegaron ao extremo sur de América e descubriron o estreito que hoxe leva o nome de Magalhães. Atravesar o océano Pacífico levoulles tres durísimos meses de escaseza e fame antes de chegar a Filipinas, onde Magalhães atopou a morte no enfrontamento cuns nativos.

Juan Sebastián Elcano foi elixido capitán do Victoria, un dos dous barcos que quedaban, e comezaron o regreso a España, agora por rutas xa coñecidas. Pero só este buque conseguiría atracar en Sanlúcar de Barrameda, o 6 de setembro de 1522.

 

CENTENARIO DO MUSEO DO PRADO

En 1785, Carlos III encargou ao arquitecto Juan de Villanueva a construción dunha sede para o Gabinete de Historia Natural, pero aínda non fora terminada cando os franceses invadiron España. Fernando VII retomou a idea, que xurdira en tempos de José Bonaparte, de abrir ao público as coleccións reais de pintura e escultura nun museo, como se fixera co Louvre en tempos da Revolución francesa. A idea prendeu especialmente na raíña Isabel de Bragança, que reuniu os cadros repartidos polos palacios reais e recuperou os que os Bonaparte levaran tras a ocupación. Con todo, morreu o ano anterior á inauguración do museo, que foi o 19 de novembro de 1819.

«BREXIT»

O 29 de marzo o Reino Unido separarase da Unión Europea. A pesar da proximidade da data, aínda non están aprobadas as condicións definitivas deste acontecemento.

 

NOVO EMPERADOR NO XAPÓN

O 30 de abril abdicará Akihito do trono de Xapón e sucederalle o seu fillo Naruhito.

 

ELECCIÓNS EN ESPAÑA

O 26 de maio haberá en España eleccións de corporacións municipais, alcaldes e deputacións, e, nalgunhas comunidades, autonómicas. Ademais, os españois votarán polos seus representantes no Parlamento Europeo.

 

COMPETICIÓNS DEPORTIVAS

Os Xogos Europeos terán lugar en Minsk, Bielorrusia, do 14 ao 30 de xuño. O Campionato Mundial de Baloncesto celebrarase na China do 31 de agosto ao 15 de setembro.

 

Outras conmemoracións

Ademais, ao longo de 2019 produciranse moitos máis centenarios e efemérides. Entre eles pódense destacar estes:

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 2019 Ano Internacional das Linguas Indíxenas.

O 5 de febreiro haberá cen anos que comezou a famosa folga de La Canadiense en Barcelona.

O 15 de febreiro será o quinto centenario do nacemento do colonizador de Florida, Pedro Menéndez Avilés.

O 22 de febreiro haberá 200 anos que España vendeu Florida aos Estados Unidos.

O 6 de marzo haberá 400 anos do nacemento do dramaturgo francés Cyrano de Bergerac.

25 de abril: terceiro centenario da publicación do Robinson Crusoe de Daniel Defoe.

2 de maio: quinto centenario da morte de Leonardo da Vinci.

7 de maio: primeiro centenario do nacemento de Eva Duarte de Perón.

O 24 de maio celebrarase o segundo centenario do nacemento da raíña Victoria.

O 31 de maio haberá 200 anos do nacemento do poeta norteamericano Walt Whitman.

28 de xuño: 500 anos que o novo rei de España Carlos I foi elixido emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico co nome de Carlos V.

O 1 de agosto, 200 anos do novelista norteamericano Herman Melville.

Centenario da posta en marcha do metro de Madrid. A primeira liña, a que vai de Sol a Catro Camiños, inaugurouse o 17 de outubro. Aínda se chama Liña 1.

O 3 de decembro farase o primeiro centenario do falecemento do pintor impresionista francés Pierre Auguste Renoir.

Actividades

Preparade na vosa aula un calendario colectivo do 2019. Reflectide nel os acontecementos que vos sinalamos que van ocorrer neste ano, pero investigade tamén vós para engadir outros, especialmente os máis próximos á vosa localidade ou ao voso centro, ou incluso acontecementos persoais ou familiares importantes. Dese modo teredes unha previsión do que vai ocorrer e poderedes preparar proxectos relacionados con algúns deles.

act