O documento nacional de identidade fixo 75 anos

Fernando Pariente

LA VOZ DE LA ESCUELA

Unha oficina de expedición do carné de identidade, o documento que acompaña aos españois toda a vida desde que se saca por primeira vez
Unha oficina de expedición do carné de identidade, o documento que acompaña aos españois toda a vida desde que se saca por primeira vez M. MORALEJO

O DNI atopou nos comezos as reticencias dunha poboación que pensaba que se trataba dunha artimaña do Goberno para poder ter a xente fichada

04 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Os que xa teñen anos encima aínda poden recordar tempos nos que non existía o DNI, pero hoxe é o documento habitual e imprescindible que serve para abrir todas as portas, ou para pechalas se non se ten. Está tan interiorizada a súa necesidade que o normal é non saír da casa sen comprobar se vai na billeteira.

Desde que se saca por primeira vez, como unha especie de iniciación á vida individual e independente, ata o falecemento é o compañeiro máis fiel. Por iso cando termina o seu período de vixencia e toca cambialo non é habitual facer un DNI novo, senón renovar o primeiro adaptándoo ás circunstancias máis actuais: fotografía nova, mesmas impresións dixitais.

IMPLANTACIÓN TITUBEANTE

Con todo, na súa orixe non todo foi tan claro. O concepto de identificar está bastante próximo ao de fichar. Estar identificado é como unha consecuencia de estar fichado. Se a autoridade dispón dos teus datos, quere dicir que lle resultará doado localizarte.

E ese foi o primeiro obxectivo: fichar para controlar ás persoas despois dunha guerra civil moi cruenta. Por iso a poboación española mirou con receo a súa implantación e case ninguén tiña moito interese en obtelo. Pero despois tamén se viu a súa utilidade para moitas situacións da vida diaria.

O pasado 2 de marzo foi o 75.º aniversario da súa creación legal mediante un decreto do Goberno do xeneral Francisco Franco, aínda que a súa implantación real foise atrasando. Dous anos máis tarde convocouse un concurso público para o deseño do documento, que gañou a empresa catalá de Aquilino Rieusset Planchón, debuxante que traballaba no deseño de selos e billetes.

Para celebrar a conmemoración do decreto de creación, o Museo Casa de la Moneda montou a exposición El DNI y los españoles. 75 años de historia en común (1944-2019), que se pode visitar ata o 6 de xaneiro do vindeiro ano.

CURIOSIDADES

Que pasa cos números das persoas que falecen? Alguén ten o carné co número un? Teñen DNI os reis? Hai algunhas preguntas que poden espertar a nosa curiosidade.

  • Os primeiros números de DNI, os números 1, 2 e 3, reserváronse para a familia de Franco.
  • En principio, os números dos DNI non se repiten, salvo casos, que se dan, de erros. Tampouco se reutilizan en caso de falecemento, así que todos os números pertencentes a persoas falecidas é coma se lles seguisen pertencendo en exclusiva.
  • A familia real ten reservados os números do 10 ao 99. O rei emérito, Juan Carlos I, ten o número 10 e a raíña emérita, Sofía, o 11. O rei actual, Felipe VI, ten o número 15 e a princesa de Asturias, Leonor, o 16, mentres que a súa irmá, a infanta Sofía, ten o 17. A infanta Elena, o 12, e a infanta Cristina, o 14.
  • Descartouse o uso do número 13 pola razón supersticiosa da súa mala fama.
  • Ata a data expedíronse 67 millóns de identidades desde o comezo.
  • A primeira persoa á que se lle expediu un carné de identidade foi a unha muller de Valencia, esposa dun fotógrafo, en 1951. Tardouse tanto en comezar a expedir os documentos por cuestións económicas. O Goberno carecía dos recursos necesarios para asumir o plan exposto no decreto de creación, que esixía comezar a expedir os DNI pola poboación recluída. En 1944 esa poboación recluída era de 300.000 presos, pero en 1951 baixara a 40.000 e era un gasto máis asumible.
  • Os números asígnanse ás comisarías provinciais por lotes. Por exemplo, Madrid tiña asignado un lote ata o 2.918.000, pero unha vez esgotado asignóuselle un novo que comeza por 50.
  • Ao principio non era obrigatorio dispor de DNI. Xa dixemos que a poboación mostrouse moi remisa a obtelo porque pensaba que era un modo de ser controlada polo réxime franquista. Por iso se fixo obrigatorio a partir de 1962.
  • Na exposición do Museo Casa de la Moneda exhíbense tres carnés de identidade do líder do Partido Comunista de España Santiago Carrillo. Naturalmente, son falsos, realizados por un tal Malagón, o mellor falsificador da época.

 

actividades 

A1. Para completar información sobre a creación do DNI pódese consultar a páxina web https://bit.ly/35nZLou

 

A2. Facede un recoñecemento na clase para ver cantos e quen tedes xa carné de identidade. Investigade para ver a que idade é obrigatorio telo. Comprobade por cales dúas cifras comeza o número de cada un dos DNI. Probablemente a maioría deles coinciden nas dúas primeiras cifras. Por que é así? Se algúns non coinciden, pescudade por que.

A3. Asociada ao número de cada DNI vai sempre unha letra colocada ao final. Investigade e pescudade de onde sae esa letra.