O firmamento xa ten estrela Rosalía 

Marcos Pérez Maldonado

LA VOZ DE LA ESCUELA

Imaxe de Rosalía coa que a Agrupación Ío celebrou a elección do nome da estrela
Imaxe de Rosalía coa que a Agrupación Ío celebrou a elección do nome da estrela

A poeta galega deu nome ao astro HD 149143, situado na constelación de Ofiuco, e o planeta que o acompaña chámase Río Sar

22 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A poesía de Rosalía de Castro mantén unha relación moi íntima coa noite. Nos seus escritos, tanto os astros como os animais nocturnos ou a propia escuridade son reivindicados como elementos esenciais das paisaxes que non só a inspiraban, senón que ademais formaban parte da súa vida. Esta relación especial da poeta compostelá coa natureza nocturna inspirou á Agrupación Astronómica Coruñesa Ío para acudir á convocatoria de NameExoworlds, un proxecto da Unión Astronómica Internacional (IAU, nas siglas en inglés) para bautizar estrelas acompañadas por exoplanetas.

Co gallo do seu centenario, este organismo -o único con competencias para nomear obxectos astronómicos- invitou os cidadáns de todos os países que quixesen participar a bautizar unha estrela e o seu planeta co nome «dun obxecto, persoa ou lugar de relevancia cultural, histórica ou xeográfica» relacionado co firmamento.

 

HD 149143

A estrela asignada a España figuraba nos catálogos astronómicos como HD 149143, e atópase na constelación de Ophiuchus ou Ofiuco (o Serpentario, ou coidador de serpes). Ao longo de varias semanas case 35.000 persoas votaron por unha da vintena de candidaturas propostas por diversas institucións e agrupacións de afeccionados. E por fin, o 17 de decembro, a IAU fixo público que o nome elixido no noso país era o de Rosalía de Castro. O planeta que acompaña a esta estrela, coñecido ata agora como HD 149143b, recibiu o nome de Río Sar. E, no caso de que se descubran outros neste sistema, previuse que se bauticen cos nomes doutros lugares destacados da xeografía rosaliana, como Laíño, Lestrobe, Bastavales, Conxo ou Iria.

A Unión Astronómica Internacional xa organizara unha votación para bautizar estrelas no 2015 cuns resultados de participación moi similares aos do ano pasado. España, o terceiro país do mundo con máis votos emitidos, tras a India e os Estados Unidos, escolleu entón o nome de Cervantes para a súa estrela e os de Quixote, Rocinante, Sancho e Dulcinea para os catro planetas que a acompañan. Lamentablemente, a estrela Cervantes atópase en Ara, unha constelación dos ceos austrais, e non pode verse desde aquí.

 

UNHA VOTACIÓN CON NORMAS

A convocatoria da IAU tiña unhas normas bastante estritas para facilitar que os nomes resultantes puidesen utilizarse con facilidade e non creasen problemas. Á parte de promover os termos en linguas locais, as propostas debían ter entre 4 e 16 carácteres incluíndo espazos. Os nomes debían ser pronunciables e non resultar ofensivos nin similares a outros que xa se utilizaran para designar obxectos astronómicos. Tampouco estaban permitidos os nomes comerciais, os acrónimos, as marcas rexistradas, os nomes inventados ou os de mascotas.

En canto aos personaxes históricos, quedaban excluídos os nomes de persoas vivas ou que falecesen hai menos dun século. E tamén os de individuos, acontecementos ou lugares coñecidos principalmente pola súa vinculación política, militar ou relixiosa. Ademais, cada proposta debía ir acompañada dun pequeno texto que xustificara o nome, que no caso da gañadora en España é o seguinte:

«Rosalía de Castro was a significant figure of Galician culture and prominent Spanish writer, whose pioneeting work often referenced the night and celestial objects.

»Rio Sar is the name of a river that was present in much of the literary work of the pioneering Spanish author Rosalía de Castro».

 

As noites son tranquilas e serenas

craro é sempre o luar,

por antre as tellas entran os seus raios

i hastra o meu leito van,

i así durmo alumado pola lámpara

que ós probes lle luz dá:

lámpara hermosa, eternamente hermosa,

consolo dos mortals.

 

Que elixiron outros?

HD 149143, agora coñecida como Rosalía de Castro, é unha estrela do tipo anana amarela un pouco maior que o Sol que se atopa a uns 240 anos luz de nós en dirección á constelación de Ophiuchus. Recorrendo a unha referencia máis coñecida no firmamento, atópase ao norte de Antares, a estrela máis brillante da constelación de Scorpius. Pero o seu modesto brillo, unido á enorme distancia á que se atopa, fai que non poidamos apreciala a primeira ollada, aínda que si podemos chegar a vela con prismáticos nun ceo con pouca contaminación luminosa.

A estrela está acompañada de polo menos un planeta, coñecido como HD 149143b, e dende agora, Río Sar, cuxo tamaño supera o de Xúpiter. Con todo, este sistema estelar pouco ten que ver co noso sistema solar. A pesar do seu gran tamaño, o planeta Río Sar está moito máis preto de Rosalía de Castro que o pequeno Mercurio do Sol. De feito, a súa órbita é tan pechada que apenas tarda catro días en completar unha volta, fronte aos oitenta e oito que lle leva a Mercurio. Durante as sesións deste inverno o Planetario da Casa das Ciencias dedica uns minutos a mostrar a localización deste sistema planetario, e propón aos asistentes pasar unha noite completa baixo o firmamento de Galicia acompañada por versos de Rosalía lidos polas poetas Eva Veiga, Estíbaliz Espinosa, Yolanda Castaño e Dores Tembrás.

Atopar Rosalía

Planisferio coa estrela Rosalía de Castro
Planisferio coa estrela Rosalía de Castro

O noso historial á hora de bautizar estrelas e exoplanetas delata unha certa querenza polos nomes de escritores (Cervantes no 2015 e Rosalía de Castro no 2019) e personaxes ou lugares literarios (Quixote, Rocinante, Sancho, Dulcinea ou Río Sar). Pero non somos os únicos, porque atopamos unha tendencia similar noutros países, sobre todo europeos.

Nesta convocatoria de NameExoworlds coincidimos con Austria (que escolleu como nomes Franz e Sissi), a República Checa (Absolutno e Makropulos), Polonia (Solaris e Pirx), Eslovenia (Irena e Iztok), Suecia (Aniara e Isagel) e Colombia (Macondo e Melquíades).

Entre o resto das propostas escollidas, son maioría os nomes de personaxes e lugares mitolóxicos, divindades locais, accidentes xeográficos, plantas e animais. Entre as curiosidades destaca a de Singapur, que escolleu unha parella de termos en latín (Parumleo, o pequeno león que simboliza a súa loita pola independencia, e Viculus, ‘vila’ ou ‘pobo’, en alusión ao carácter dos habitantes do país). Chama poderosamente a atención que Cuba foi o único país onde se elixiron referencias claramente científicas (Félix Varela e Finlay). Holanda tamén se desmarcou da tónica xeral optando polos nomes de dous cadros lendarios con clara vinculación nocturna (A noite Estrelada de Van Gogh e A rolda de noite de Rembrandt). Pero se houbese que escoller algunha pola súa beleza e intención, sen dúbida serían as propostas de Zambia (Natasha e Madalitso, que significan ‘grazas’ e ‘bendicións’ en lingua nyanxa) e de Mozambique (Emiw e Hairu, que significan ‘amor’ e ‘unidade’ en lingua makhuwa).

 

 actividades

Test literario. Todas as propostas escollidas nesta convocatoria da IAU poden consultarse nesta ligazón: https://bit.ly/2RrHLUL. O artigo fai referencia ás propostas de natureza literaria elixidas polos habitantes de España, Austria, a República Checa, Polonia, Eslovenia, Suecia e Colombia. Por que credes que case todos os países que optaron por referencias literarias se atoan en Europa? Saberiades relacionar de memoria estas propostas con algún autor ou co título dalgunha obra? Co resto podedes organizar unha competición para, sen consultar a lista da IAU, buscar a orixe dos termos que vos resulten descoñecidos.

 

Homenaxe persoal. A mellor homenaxe que se lle pode facer a unha escritora é ler os seus textos. Pedide aos profesores de Lingua ou de Literatura que vos suxiran algún poema de Rosalía no que a noite teña unha presenza notable. Lede varias veces o texto e despois gravádeo nun móbil lendo con calma e interpretando o seu contido. Se queredes acompañalo cunha ambientación adecuada, podedes buscar sons en www.freesound.org e escoller gravacións feitas en espazos naturais galegos. E se necesitades engadir cantos de aves, buscádeos en www.xeno-canto.org, asegurando que se trate de especies que se poden atopar en Galicia na época do ano na que estea ambientado o texto.