Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

A FP é moito máis que ir a clase: idiomas, competicións, viaxes...

LA VOZ DE LA ESCUELA

Equipo do CIFP As Mercedes presentando un simulador dun coche de competición na feira Innova FP
Equipo do CIFP As Mercedes presentando un simulador dun coche de competición na feira Innova FP PACO RODRÍGUEZ

Os alumnos dos ciclos de formación profesional teñen a oportunidade de aprender linguas, facer un Erasmus+ ou participar en proxectos de innovación, entre outras moitas experiencias

12 feb 2025 . Actualizado a las 14:29 h.

Da túa etapa de estudante sacarás moitas cousas: coñecementos, preparación, unha orientación laboral... Pero tamén moitas experiencias e vivencias. E niso a Formación Profesional non ten nada que envexar a outros estudos. Arredor dos ciclos hai un mundo de actividades e propostas para o alumnado que teña ganas de aproveitalas. Porque a FP é moito máis que ir a clase.

MOBILIDADE - Aprender nun país estranxeiro

«O Erasmus é unha experiencia incrible, todos deberían probar»

Seguramente escoitaches falar de facer un Erasmus. Así adoita chamarse a realizar unha estancia de estudos nun país estranxeiro, aínda que en realidade o Erasmus+ é un programa concreto da Unión Europea que facilita esas mobilidades de estudantes. Hai tamén outras opcións para estudar ou facer prácticas no estranxeiro, pero esta é a máis popular.

Tamén é posible que teñas o Erasmus como algo asociado aos universitarios, que van pasar un curso ou parte del a unha facultade estranxeira. Pero pódese participar neste programa sendo alumno de Formación Profesional, tanto de ciclo medio como superior, e mesmo de FP básica. «Trátase dunha estadía profesional no estranxeiro, ir a outro país a facer prácticas; o mínimo son dúas semanas, aínda que iso é algo escaso, e poden facerse todas as horas de prácticas do currículo ou unha parte delas, o máximo son doce meses, que tampouco é habitual», explica José Luis Souto Otero, coordinador de programas internacionais do CIFP Someso, da Coruña. Tamén é posible pedir unha mobilidade para ir a unha empresa doutro país durante o ano seguinte a ter rematado un ciclo de FP, xa como titulado.

Para facer unha destas estadías no estranxeiro, o centro no que estudes ten que estar adherido ao programa Erasmus+ e ter un proxecto acreditado. Como estudante, podes preguntalo ao te matricular, aínda que é moi posible que o propio centro che dea algunha charla ou che informe sobre esta opción no momento en que se haxa que anotar. «A día de hoxe podes ir practicamente a calquera lugar do mundo, aínda que o máis habitual é que os rapaces vaian a países de Europa. O máis difícil é atopar as empresas que acollan ao alumnado. Pódese facer usando unha empresa intermediaria que a localice, o que ten un custe económico, pero no noso centro preferimos traballar directamente coas compañías e con institutos doutros países. Eles poñen á nosa disposición a súa rede de empresas, ás que mandan aos seus propios alumnos, e nós facemos o mesmo coa nosa, para que os seus estudantes veñan aquí», indica Souto.

Virginia Porteiro (centro) posa cos seus compañeiros do concesionario italiano no que fixo prácticas o ano pasado grazas ao programa Erasmus+
Virginia Porteiro (centro) posa cos seus compañeiros do concesionario italiano no que fixo prácticas o ano pasado grazas ao programa Erasmus+

Virginia Porteiro é unha desas alumnas de FP que decidiu probar a experiencia Erasmus: «Fíxeno o curso pasado, fun facer as prácticas do ciclo medio de Electromecánica no que estaba matriculada a unha cidade italiana, Udine, preto de Venecia. Tiña 17 anos, cumprín os 18 estando de Erasmus. Teño un amigo que estudou o mesmo ca eu e fora facer as prácticas a Lituania, así que xa coñecía a opción; logo vin que había boas axudas e que en Someso estaba todo moi ben organizado, e como me gusta moito viaxar e experimentar, animeime».

Esta moza de Coristanco estivo tres meses traballando nun concesionario multimarca, Ferri Auto, no que aprendeu moito: «Preguntáronme incluso se quería traballar con algunha marca en concreto e que parte do que estudaba me gustaba máis para poñerme nesa área. O titor tiña moita paciencia, a xente era estupenda, ensináronme moitísimo», recorda. Tamén aproveitou moito para viaxar, coñecer a zona, e a cultura. E ademais, volveu sabendo un novo idioma: «Cando fun non sabía nada de italiano, pero unha vez alí a cousa era ‘‘Ou falo ou calo. E para min calar non era unha opción. Botei para adiante e nun mes xa me dicían que ata podía facer bromas en italiano. Volvín cun bo dominio. Axudoume moito saber outros idiomas, inglés e sobre todo francés, que os estudei na escola de idiomas, ademais do castelán e o galego, porque había palabras que sacabas por unha lingua ou por outra».

A falta de competencia lingüística, recoñece José Luis Souto, é unha das cousas que máis tira para atrás ao alumnado á hora de se animar a un Erasmus. Tamén as reticencias económicas, aínda que hai axudas. «As bolsas que dan son especialmente interesantes en FP básica e media, porque en España había unha porcentaxe moi baixa de participación e optouse por animala cunhas axudas de máis cartos. A contía depende do destino, pola distancia e polo nivel de prezos do país escollido. Para un país de nivel intermedio, a bolsa para un estudante de ciclo medio pode estar nos 3.600 euros para unha estadía de once semanas, mentres que para un alumno de ciclo superior pode andar nos 1.700, aínda que a iso pode sumarlle unha axuda da Xunta», detalla.

No que concordan profesor e alumna é no altísimo valor desta experiencia. «Son moi enriquecedoras, pola vivencia persoal e cultural, por coñecer unha mentalidade distinta e pola oportunidade de aprender e mellorar profesionalmente. Pero tamén para que os propios estudantes vexan que o aprenderon en España está ao nivel de países que ás veces temos idolatrados, como poida ser Alemaña», di Souto. E Virginia corrobora: «É unha experiencia incrible que penso que todo o mundo tería que probar. Aquí, aínda que estudes noutro concello, non desconectas de todo da familia. Alí aprendes a tomar as túas propias decisións. Eu aprendín, madurei e desfrutei moitísimo, ademais de volver con máis formación e experiencia». Tan satisfeita quedou que non descarta repetir, agora que está matriculada no ciclo superior de Automoción: «Pensareino, aínda que indo a outro país. E se facendo as prácticas no estranxeiro, me dixeran de quedar a traballar, tamén o pensaría».

IDIOMAS - Con IA e realidade virtual

«Resuelves situaciones en inglés hablando con un avatar»

Máis alá desas mobilidades internacionais, que na maioría dos casos permiten entrar en contacto directo cunha lingua estranxeira, a FP dá cada vez máis importancia á aprendizaxe de idiomas. Así que se fas un ciclo vas ter distintas oportunidades para ampliar o teu abano de linguas.

Por unha banda, na nova Formación Profesional gañan peso os módulos (así se chaman as materias dos ciclos) específicos dun idioma, sobre todo o inglés profesional. Por outra, cada día son máis os centros que apostan por ofertar algunha materia do ciclo nunha lingua distinta ao galego ou o castelán. Este curso, por exemplo, hai 147 ciclos e másteres que imparten algunha das súas materias noutro idioma. Os máis comúns son o inglés e o francés, pero tamén hai oferta en alemán —o CIFP Universidade Laboral de Culleredo emprégao no segundo ano de Automatización y robótica industrial—, italiano —o CIFP A Farixa de Ourense utilízao no ciclo Produción de audiovisuais e espectáculos— ou portugués —lingua escollida en varios ciclos de distintos centros, como por exemplo o de Deseño e amoblado do CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo—. Este plurilingüismo mellora as competencias do alumnado, elevando as súas posibilidades de atopar traballo, pero tamén a competitividade dos propios sectores produtivos de Galicia, ao incorporar profesionais mellor preparados, tamén neste ámbito.

Ademais, moitos institutos e centros de FP ofrecen cursos gratuítos fóra do horario lectivo para que o seu alumnado prepare probas oficiais de idiomas e poida presentarse a eses exames que certifiquen o seu nivel de inglés, francés, alemán ou portugués, e a Xunta ten axudas de cen euros para sufragar os custes desas probas.

Pero o máis chulo, deixámolo para o final. A Consellería de Educación apostou por innovar no xeito en que se aprende inglés na FP galega, empregando a intelixencia artificial (IA) e a realidade virtual (VR). Son os dous piares do proxecto Vetinen, pioneiro en España e desenvolvido polo Centro Galego de Innovación da FP Eduardo Barreiros (o CGIFP).

Ademais dunha plataforma con recursos didácticos para a aprendizaxe do inglés profesional en todas as familias da FP, o máis chamativo de esta iniciativa é un laboratorio de IA co que os docentes poden crear escenarios personalizados nos que o alumnado pode practicar inglés en situacións reais do seu ámbito profesional. Nel, o estudante pode interactuar con avatares en 3D que responden en tempo real. Imaxina, por exemplo, que estudas Electrónica. Neste escenario inmersivo poderías simular unha conversar cun provedor estranxeiro para lle pedir un presuposto. Ou se o teu ciclo é de Administración e finanzas, por que non probar a negociar en inglés un contrato cun cliente internacional? O sistema, que detecta erros gramaticais, fonéticos e de vocabulario, permite unha avaliación individualizada de cada usuario e vai dando recomendacións concretas para a súa aprendizaxe.

Unha alumna do CIFP Compostela practica inglés falando cun avatar na contorna virtual que proporciona o último proxecto da consellería, o Vetinen
Unha alumna do CIFP Compostela practica inglés falando cun avatar na contorna virtual que proporciona o último proxecto da consellería, o Vetinen

Vetinen está agora nunha fase piloto, testándose entre o alumnado de Xestión de Aloxamentos Turísticos de varios centros galegos. Sandra Meijomil estuda no CIFP A Farixa de Ourense e tivo ocasión de probalo: «Es muy práctico y muy útil, y muy realista. El año pasado hice prácticas en un hotel en Lituania y la aplicación te pone en situaciones que yo viví allí. Te colocas los cascos y en el ordenador aparece una recepción en realidad virtual. En una de las simulaciones, venía un cliente a quejarse porque el ordenador estaba estropeado. En otra, un mensajero entregaba un paquete. En otra, llamaba un cliente que se había dejado un anillo en la habitación. Y tú tienes que resolverlo todo hablándoles en inglés. La aplicación te va diciendo qué tal la pronunciación, si estás usando un léxico profesional... Es más real que practicar en clase con la profesora o los compañeros y ayuda a quitarse el miedo de hablar en inglés».

«Ao principio o alumnado estaba moi nervioso, e iso é porque o vían moi real. As imaxes están moi logradas e teñen que atender ao avatar que chega como se fose un cliente de verdade. Ademais vailles dicindo como o van facendo, se deben usar unha linguaxe máis formal... Vaise adaptando ao alumno, e o feedback que dá tanto ao estudantado como ao profesorado está moi ben. Paréceme unha boa ferramenta para o ensino de linguas», incide Mercedes Teijeiro, profesora do CIFP Compostela.

Unha vez testada, Educación prevé estender a aplicación ao resto de centros e ciclos.

COMPETICIÓN - Skills, as olimpíadas de FP

«Optimizas al máximo tus habilidades»

Se o que che van son os retos, poñerte a proba, e de paso coñecer xente, a FP tamén ten algo para ti. Existen campionatos onde estudantes de distintos centros amosan a súa destreza e as súas mellores habilidades nunha serie de probas con tempo medido das que saen os mellores de cada disciplina profesional. Estas competicións chámanse Skills, e están consideradas unha sorte de olimpíadas da Formación Profesional. Hai unha fase autonómica, outra nacional, outra europea e mesmo un campionato mundial, que se ten celebrado en países de todo o globo. O ano vindeiro, a final internacional será na cidade chinesa de Shanghai.

«Cada competición desenvólvese durante varios días nos que o alumnado traballa de forma intensa, o que lle supón un grande esforzo tanto a nivel técnico como psicolóxico. Ademais eu recoméndolles que valoren a experiencia global da participación nun evento destas características competindo de forma limpa e sa», comenta Cristina París, profesora do IES San Clemente de Santiago que titoriza a estudantes que participan nas Skills.

Ezequiel Soto, no centro, coa medalla de ouro canda outros estudantes galegos que participaron no Spain Skills do 2024
Ezequiel Soto, no centro, coa medalla de ouro canda outros estudantes galegos que participaron no Spain Skills do 2024

Un deses alumnos foi Ezequiel Soto. Cursaba o ciclo superior en Desenvolvemento de Aplicacións Web (DAW) cando o instituto o animou a participar. Durante as súas vacacións de verán traballou duro para preparar a proba galega. Gañou. E repetiu medalla de ouro no Spain Skills. Tiña 20 anos. E xa con 21 competiu cos mellores estudantes de FP de todo o mundo no World Skills celebrado en Lyon (Francia) no 2024. «Es una mezcla de emociones, por un lado están los nervios de las competiciones y por otro está ese ambiente que había, por lo menos en mi disciplina, de ser una familia. En general creo que es una experiencia muy positiva, aprendes mucho de ver a otras personas haciendo lo mismo que haces tú pero con otros enfoques diferentes y competir te ayuda a optimizar al máximo tus habilidades sobre tu disciplina», recorda sobre a súa participación.

A oitava edición das Galicia Skills celebrarse o vindeiro outubro no recinto da Feira Internacional de Silleda.

INNOVACIÓN - Liña directa co mundo empresarial

«Trabajas en problemas reales»

Investigar e innovar tamén está no ADN da Formación Profesional galega. Hai distintos tipos de programas, proxectos, feiras, concursos... Todo para espertar o talento e a imaxinación e levar a FP a outro nivel. «No CIFP Portovello (Ourense) sempre estamos participando nalgún tema de innovación, porque é moi importante que profesorado e alumnado esteamos ao día e de colaborar coas empresas, para coñecer a realidade, o que realmente se está pedindo fóra da aula», comenta a profesora Sabela Fraga.

O FP Innova é un dos eventos máis potentes. Neste congreso amósanse os proxectos ideados por centros de toda Galicia: un simulador dun coche de competición, estudos sobre enfermidades neurodexenerativas, cultivos de flores comestibles, un dron capaz de cargar con 200 kilos...

Probando o sistema de realidade virtual para selección de persoal deseñado polos CIFP Portovello e A Carballeira
Probando o sistema de realidade virtual para selección de persoal deseñado polos CIFP Portovello e A Carballeira

Os propios alumnos encárganse de presentar as distintas iniciativas á xente que acode á feira. «Me gustó la experiencia. Primero el trabajo en equipo para realizar el proyecto, en colaboración con el CIFP A Carballeira (Ourense) para usar la realidad virtual y aumentada en la selección de personal, y luego explicar a la gente la actividad que habíamos diseñado, que me aportó mucho en cuanto a comunicación», di Lucía Tovar, alumna del ciclo superior de Administración e Finanzas no Portovello que participou na edición do ano pasado.

Precisamente nesa cita, o CIFP Ferrolterra presentou unha máquina capaz de reducir o tempo e o gasto de auga no lavado dos grelos. «Era unha necesidade dos pequenos produtores, estana a empregar na cooperativa Milhulloa e están encantadas», conta o profesor Miguel Calvo, que defende a implicación dos centros de FP coa súa contorna. Este ano participan noutra das grandes iniciativas que a Xunta pon a disposición de institutos e CIFP: o Innovatech. Os equipos participantes, compostos por catro alumnos de distintas disciplinas, deben responder a retos reais propostos por empresas. No caso do Ferrolterra, están a traballar arredor da petición do Grupo Cuevas para atopar un sistema que faga máis eficiente o pelado das castañas que logo converten en marrón glacé.

Zaira López revisa a máquina lavagrelos que o CIFP Ferrolterra levou ao Innova FP
Zaira López revisa a máquina lavagrelos que o CIFP Ferrolterra levou ao Innova FP

Zaira López, estudante do ciclo superior de Mecatrónica Industrial, que xa participou no proxecto da máquina lavagrelos, é unha das integrantes deste equipo do Ferrolterra: «Estar en clase está muy bien, pero esto son problemas reales, puede que participar en estas cosas te apriete un poco la agenda, pero te aporto mucho, esto te abre la mente, y yo si estoy haciendo un ciclo es precisamente para no quedarme estancada», defende.

«Todo isto é moi motivador para o alumnado, e ademais ven o mundo real, ponos en contacto directo coas empresas. Non é a primeira vez que algunha delas chama a un dos nosos estudantes porque xa viu como traballaba neste tipo de proxectos», engade Sabela Fraga.