
O autor de «Os eidos» é un caso destacado de identificación entre unha literatura e un espacio xeográfico «Courel dos tesos cumes que se ollan de lonxe», unha das frases máis célebres e citadas da literatura galega, serve para resumir a obra de Uxío Novoneyra, estreitamente identificada coas paisaxes e coa cultura tradicional da súa terra nativa. «Os eidos», o libro emblemático do poeta de Parada, pode utilizarse como guía para unha ruta literaria e xeográfica que discorrería por todos os recantos da serra.
16 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Uxío Novoneyra é un dos casos máis característicos de identificación entre un escritor e un espacio xeográfico e humano de toda a literatura galega. Esta identificación non se reduce á constante presencia das terras, paisaxes e xentes do Courel na súa obra, senón que se estende a outros aspectos, como o uso da fala dialectal propia da serra e o profundo parentesco que mostra coa poesía popular. As múltiples referencias a espacios concretos que aparecen nos poemas de Os eidos permiten considerar a obra de Novoneyra como unha especie de xeografía poética do Courel, onde decenas de topónimos e microtopónimos son tratados como material artístico. Vale como exemplo un dos primeiros textos deste célebre libro, que consiste nunha letanía de nomes de lugar: «Hein d''ir o Pía Páxaro i a Boca do Faro/ deitarme na Campa de Lucenza nun claro». Para visitar todos os lugares que figuran nos seus poemas habería que levar a cabo un longo e demorado percorrido por todos os recantos da Serra do Courel. A ruta debería comenzar obrigadamente en Parada, a aldea natal do poeta, onde foi composto o núcleo máis significativo da súa obra.