O Valedor do Pobo admite unha queixa veciñal de Monforte

La Voz LA VOZ | MONFORTE

LEMOS

RAFA PRADO

04 oct 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A oficina do Valedor do Pobo admitiu como válida a queixa presentada por uns veciños de Monforte contra un garaxe habilitado nun baixo da rúa Ponte da Virxe, nun local que conta cunha licencia municipal para vao de automóbiles, a pesar de estar clasificado legalmente como alpendre. O local que provoca as protestas dos veciños está pegado a unha nave que é utilizada para gardar materiais de obra. A construcción, segundo os afectados, invade ademais a zona de policía das ribeiras do arroio de Rioseco. Os veciños afirman que a nave e o baixo non só funcionan ilegalmente como garaxe e almacén, senón que ademais, ó non estar acondicionados para estas actividades, acarrean molestias e riscos sanitarios ós habitantes da zona. Nun escrito presentado ó concello, afirman que os residentes do edificio máis próximo padecen vértigos, estrés, dores de cabeza, insomnio e irritabilidade a consencuencia dos ruídos e da emisión de gases procedentes dos mencionados locais. Os veciños aseguran que estes feitos xa foron denunciados ó Concello de Monforte sen que ata agora se tomaran medidas para atallar o problema. Afirman por outro lado que o alcalde xa asinou unha orde de peche, pero que esta aínda non se fixo efectiva debido que a os propietarios do local denunciado presentaron unha alegación. Asimesmo, os veciños afectados din ter presentado denuncias «por insultos e inxurias» contra os propietarios dos locais á Policía Local e á Policía Nacional. Os afectados solicitan ó concello o peche inmediato dos locais e fan responsable á alcaldía «de calquera dano físico, psíquico, moral ou material contra as nosas persoas ou bens». Ademais, anuncian que emprenderán accións legais se a súa petición non é atendida.