Literatura | Libreiros na rúa Presentarán novidades Teresa Moure, Suso de Toro, Luisa Castro e Fernández Paz
11 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.? Feira do Libro de Lugo, que chega á súa 24 edición, comezará mañá ás once coa participación de trece casetas, nove delas librerías, que porán á venda, ata o domingo 21, ao redor de 25.000 exemplares. A cita literaria terá un horario de once a dúas a tarde e de cinco e media a nove e media da noite, mentres que as fins de semana alongarase o horario das mañás media hora máis. O programa foi presentado onte polo presidente da Federación de Libreiros de Galicia, Antonio Fernández Mayra, e polo presidente do colectivo en Lugo, Carlos Coira, ademais da edila de Cultura, Concepción Burgo. Os lucenses poderán acudir ás presentacións dos últimos libros de destacados autores das letras galegas. Así, Teresa Moure asinará o domingo, ás sete da tarde, exemplares dos premiados Herba moura , A palabra das fillas de Eva e Outro idioma é posible . O martes 16 acudirá Camilo Nogueira, ás 19.45 horas, para presentar A terra cantada , publicado por Xerais. No Día das Letras Galegas estará na feira lucense, ás sete, Luisa Castro, que asinará os exemplares do seu libro La segunda mujer . O xoves, Santiago Jaureguizar presentará o seu Cabaret Voltaire . E o venres tocaralle o turno a Agustín Fernández Paz, co seu recente libro Corredores de sombra . Segundo explicaron os organizadores, entre as actividades complementarias á feira, ademais das presentacións de volumes, figuran no programa visitas guiadas aos rapaces para que poidan preguntar aos libreiros todas aquelas dúbidas que teñan. Ademais, haberá sesións de contacontos e de animación á lectura. Polas tardes, os cativos poderán participar en tres concursos divididos en categorías segundo as idades: de pintura (luns), de contos (o mércores) e de poesía (o venres). Os premios destes entregaranse o derradeiro día da feira. O pregón inaugural leráo mañá ás oito da tarde o xornalista Xosé de Cora. Tamén participará o grupo Cantigas e Frores.