Reportaxe | Unha singular iniciativa cultural Destacadas personalidades da cultura galega participarán mañá na presentación do libro que recolle as ponencias do congreso de homenaxe ao escritor Xosé Lois García
12 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.En agosto do 2005 celebrouse no Casino de Chantada un singular congreso, dedicado a analizar e homenaxear a obra do escritor Xose Lois García. Durante dous días, entre o 13 e o 14 de agosto, numerosos poñentes abordaron desde múltiples puntos de vista o labor intelectual e creativo do autor chantadino. Un ano despois, preséntase no mesmo lugar un libro que recolle todas as intervencións presentadas durante aquelas xornadas, un volume de 390 páxinas que leva por título Xosé Lois García, coloquio-homenaxe . O acto levarase a cabo maña ás oito da tarde e será seguido dunha cea no hotel Mogay que contará coa presenza de destacadas personalidades da cultura galega, como Isaac Díaz Pardo, Xesús Alonso Montero e Avelino Pousa Antelo. As 55 comunicacións recollidas no libro foron redactadas en galego, portugués, español e catalán, o que reflicte a pluralidade de intereses da obra de Xose Lois García e a súa condición de ponte entre diversas culturas e linguas. Ao escritor chantadino débeselle unha obra extensa e multiple que comprende poesía, ensaio, teatro e narrativa en galego, antoloxías de poetas brasileiros e africanos lusófonos traducidos ao castelán, estudos sobre a arte románica en galego e portugués, libros de poemas escritos directamente en portugués e estudos historicos e artigos xornalísticos en catalán. Colaboradores Entre os colaboradores do congreso e do libro recén publicado figuran coñecidos escritores galegos como Xosé Neira Vilas, Vicente Araguas, Xosé Vazquez Pintor, Xosé Ramón Pousa, Alonso Montero, David Otero e Ramón Caride Ogando e o poeta e crítico español Jose Corredor-Matheos, galardoado co Premio Nacional de Poesía do pasado ano. A eles súmanse numerosos escritores e intelectuais de diversos paises -Portugal, Brasil, Cabo Verde, Angola e Cuba, entre outros- menos coñecidos en Galicia. Unha boa parte dos traballos recollidos no libro consisten en anáises e comentarios sobre a obras e as actividades do homenaxeado, centrados ben no seu conxunto ou ben en aspectos concretos. Así, unha colaboración de Camilo Gómez Torres ocupase do significado cultural e etnografico do recente poemario de García Do Faro ao Miño II , inspirado nas tradicións das terras de Chantada. Flora Enríquez e Veiga Luís falan sobre a súa faceta de historiador e crítico da arte. Alfonso Blanco Torrado diserta acerca das súas relacións co finado poeta Manuel María. Lívio de Morais e Juliâo Soares Sousa falan, pola súa parte, das investigacións de García sobre as culturas africanas de expresión portuguesa. Outras colaboracións, en cambio, toman como pretexto a obra do chantadino para abordar diversas cuestións relacionadas dun modo ou outro coa súa actividade. É o caso de Xesús Alonso Montero, quen escribe sobre os poemas que redactou en galego o grande poeta catalán Carles Riba, ou do angolano Arlindo Barbeitos, que ofrece unhas curiosas reflexións sobre gastronomía, política e cultura.