Este centro educativo da capital luguesa estrea participación no programa Voz Natura cun proxecto baseado na recollida selectiva de papel de aluminio para reutilizalo
31 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Recíclase papel, plástico, vidro, pilas, cedés..., pero ata o de agora a ninguén se lle ocorrera a idea de reciclar aluminio, ou mellor dito, o papel de aluminio que con tanta frecuencia se usa, por exemplo, para envolver os bocadillos dos escolares.
Foron precisamente uns escolares -os do colexio Cervantes de Lugo- e os seus mestres os que decidiron poñer en marcha no seu centro a recollida selectiva de papel de aluminio de consumo doméstico, que se destinará posteriormente á reciclaxe. Con esta iniciativa este colexio participa por primeira vez no programa de educación ambiental Voz Natura.
A posta en marcha deste proxecto, no que está implicado todo o profesorado e os máis de 200 alumnos con que conta o colexio Cervantes, conlevou a distribución de caixas e pequenos contedores polas aulas e demais dependencias do centro para depositar o papel de aluminio. Con esta medida trátase de acadar dous obxectivos: por unha banda, que eses envoltorios non acaben no chan, na papeleira ou no contedor onde van parar o resto dos residuos orgánicos, e por outra, concienciar ao alumnado da importancia da reciclaxe do papel de aluminio, xa que se trata dun material altamente contaminante e non degrabable.
O proxecto que idearon os profesores e os estudantes do colexio Cervantes consta de varias fases. A primeira delas, que é a que están desenvolvendo actualmente, é a da recollida. A implicación dos escolares é tal que nos contedores non só acaba o papel de aluminio co que traen envoltos os seus bocatas, senón tamén o que recollen nas súas casas, e mesmo o que os seus pais e as súas nais van xuntando nos seus lugares de traballo.
Xa ao longo do curso irán desenvolvendo unidades didácticas dedicadas á reciclaxe e á conservación da natureza, axeitadas ás idades de cada un dos alumnos, que van desde os tres anos ata os que cursan sexto de Primaria. Para rematar, todo o papel de aluminio recollido venderase a unha empresa especializada na súa reciclaxe e reutilización. Co que se obteña adquiriranse árbores autóctonas coas que toda a comunidade educativa do colexio Cervantes -pais incluídos-levará a cabo a repoboación dun espazo natural.
Patrocinadores
O programa de educación ambiental Voz Natura conta co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a Deputación da Coruña, a Fundación Gómez Franqueira e as empresa Leche Celta e Cabreiroá. As entidades que colaboran co programa son: Obra Social de Caixa Galicia, Begano-Coca Cola e o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña.