Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Outra historia do Apalpador

LEMOS

Un novo libro infantil recupera o esquecido personaxe das tradicións de Nadal da Serra do Courel

15 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O Apalpador, personaxe típico das tradicións de Nadal da Serra do Courel, continúa gañando popularidade despois de permanecer durante moito tempo no esquecemento. Xa son dúas as publicacións dirixidas ao público infantil que recrean a historia deste peculiar Papá Noel autóctono, rescatado en tempos moi recentes nun traballo etnográfico do investigador José André López.

O deseñador e infógrafo de La Voz de Galicia Xoán González Otero presentou na última Festa da Pisa da Castaña de Froxán o seu libro O Apalpador , que narra de forma sinxela a tradición popular sobre este personaxe. A segunda achega neste terreo é Antón e o Apalpador , o primeiro libro que publica a nova editorial Barafunda, vinculada a un colectivo de animación teatral chamado da mesma maneira. O relato, escrito por Mar Ameixeiras e Manuel Castro e ilustrado por Francisco Ameixeiras, foi presentado recentemente en Vigo o pode lerse en parte na páxina web da editorial, no enderezo Apalpador.es.

O conto está protagonizado por un neno da cidade, chamado Antón, que viaxa ao Courel para pasar as vacacións de Nadal coa súa madriña. Alí ten ocasión de coñecer ao mítico carboeiro que visita aos nenos nas últimas noites do ano para comprobar se están ben alimentados e agasallalos con presadas de castañas. O libro contén varias páxinas con xogos e actividades para que os lectores aprendan máis cousas sobre o Apalpador e o seu entorno tradicional.

Os dous libros achegan novas interpretacións gráficas do personaxe, que foi representado plasticamente por primeira vez polo artista compostelán Leandro Lamas nun folleto divulgativo publicado pola asociación compostelá A Gentalha do Pichel. O personaxe, por outro lado, tamén entrou no mundo dos monicreques da man da compañía Títeres Cachirulo, que recentemente montou o espectáculo A historia do Apalpador .