Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Vellos parentes do Oso de Salcedo

LEMOS

O historiador Julio González Montañés sinala que a típica figura do entroido de Brollón tiña paralelismos nas festas de Betanzos e do municipio ourensán de Toén

04 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Todo parece indicar que o entroido de Salcedo é actualmente o único de Galicia que está protagonizado pola figura dun oso, pero non sempre foi así. O historiador Julio González Montañés -que investiga a historia do teatro popular e das chamadas manifestacións parateatrais na comunidade- recolleu datos sobre outras dúas festas de similares características que se celebraban en Betanzos e no municipio ourensán de Toén. En ambos casos, moi pouco estudados polos especialistas, a documentación que se coñece limítase a algunhas referencias ailladas.

No caso de Betanzos, a noticia procede do historiador Manuel Martínez Santiso, quen indicou no seu día que nesta vila se celebrou unha «danza do oso» ata 1914. No que respecta a Toén, a figura do oso aparecía ata tempos recentes nas festas da localidade de San Pedro de Moreiras. González Montañés sinala que noutras partes de Galicia se celebraron seguramente outros festexos similares, que tamén están presentes en moitos lugares de Europa.

O Oso de Salcedo -engade por outra parte o historiador- é un escasos testemuños vivos que se conservan hoxe dunha tradición moi estendida que ten precedentes nas antigas culturas romana e grega e que está documentada amplamente desde a época medieval. González Montañés apunta a este respecto que o arcebispo Hincmar de Reims -que viviu entre finais do século VIII e principios do IX- condenou certos «vergoñentos xogos con osos» e que por toda Europa hai noticias de festas e danzas populares nas que o plantígrado era representado por homes disfrazados con peles de animais e máscaras.

En opinión do historiador, estas tradicións poden estar relacionadas co tema da «caza do oso», que aparece con frecuencia nos romances de cabalerías, nas representacións populares e no teatro culto. «Un caso coñecido é o romance Valentín e Ursón , que serviu de base para representacións teatrais nas que participaba un home disfrazado de oso e que foi retomado por Lope de Vega», apunta. Un gravado realizado no século XVI polo célebre pintor flamengo Pieter Brueghel o Vello -reproducido xunto a estas liñas- é mencionado polo investigador como un importante testemuño gráfico desta tradición.

«Home salvaxe»

González Montañés pensa por outro lado que a figura do oso pode relacionarse coa do «home salvaxe», un motivo moi espallado no folclore europeo que tamén está presente en moitos carnavais tradicionais e que aparece representado nunha talla da sillería do coro da igrexa ourensá de Xunqueira de Ambía. Na literatura e na arte da Idade Media -sinala- estes personaxes, cubertos de peles ou de follas, convértense a miúdo en personificacións da luxuria.