Intérpretes de Corea do Sur, España e Serbia actuarán no novo ciclo de concertos das Xuventudes Musicais
26 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.A asociación Xuventudes Musicais de Sober ultimou o programa do seu ciclo anual de concertos Primavera Musical, que a pesar de estar formado só por tres actuacións ofrece unha notable variedade en canto á procedencia xeográfica dos intérpretes. Como é habitual, estes concertos corren a cargo de músicos xoves que xa contan cun importante recoñecemento internacional. A entrada a todos estes recitais será gratuíta.
O novo ciclo comezará o 20 de marzo cun concerto do guitarrista Jusuk Lee, oriundo de Corea do Sur, que actuará no auditorio da Casa de Cultura a partir das oito da tarde. Lee interpretará pezas de Guido Santorsola, Tomás Marco, Manuel María Poncce, Francisco Tárrega, Leo Brouwer, Roland Dyesn e Fernando Bustamente.
O segundo concerto ofrecerase o 24 de abril e correrá a cargo de dous músicos españois: o flautista murciano José Antonio Domené e o harpista alicantino Mariano Bas. A súa actuación desenvolverase a partir das sete da tarde no convento das Bernardas de Ferreira de Pantón e, aínda que estará aberto ao público en xeral, será ofrecido de forma especial ás monxas desta comunidade relixiosa. Domené e Bas executarán composicións de Jean-Baptiste Krumpholtz, Gioachino Rossini, Gaetano Donizetti, Camille Saint-Saëns, Claude Debussy, Georges Bizet, Jueles Massenet e Jaceques Ibert.
O terceiro e último recital do ciclo será protagonizado polo acordeonista serbio Marko Sevarlic, quen actuará o 22 de maio na Casa de Cultura soberina, a partir das oito da tarde. O repertorio deste concerto estará formado por unha selección de obras de Johann Sebastian Bach, Jesús Torres, Domenico Scarlatti, Ole Schmidt, César Franck, Antonio Soler e Anatoly Kusyakov.