«Estudei as imaxes bíblicas desde a época paleocristiá»

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE/LA VOZ.

LEMOS

O sacerdote e investigador taboadés acaba de publicar novos traballos obre a arte relixiosa lucense e ourensá

07 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O arqueólogo e historiador taboadés Jaime Delgado Gómez presentou recentemente en Lugo o seu libro A Biblia na iconografía pétrea lucense , un extenso volume que recolle investigacións detalladas sobre 27 monumentos e pezas artísticas e arqueolóxicas de diferentes épocas espalladas pola provincia. Todos eles teñen en común o feito de conter imaxes e símbolos extraídos da Biblia.

-¿Canto tempo lle levou realizar os estudos que recolle neste libro?

-Foi un labor de anos, pero orixinalmente estes traballos non foron feitos coa idea de publicalos en forma de libro. Unha parte deles publicouse no boletín do Museo Provincial e inicialmente ían ser unha especie de fichas divulgativas sobre pezas de especial valor, pero acabaron sendo algo máis longo e profundo. Outros capítulos publicáronse máis tarde na revista Lucensia . Foi a Deputación quen me suxeriu recuperar todos estes estudos e reunilos nun libro, e é a primeira vez que poden consultarse todos xuntos.

-¿Que épocas históricas e artísticas abranxen estas investigacións?

-As imaxes e motivos bíblicos máis antigos que estudei nestes traballos son da época paleocristiá, e pertencen ás mostras máis vellas da arte cristiá que se conservan na provincia, como o sarcófago da igrexa de Temes, en Carballedo, e o Crismón de Quiroga. A obra máis recente que incluín no libro é un relevo renacentista do século XVI cunha imaxe da Piedade que procede do desaparecido convento de San Antonio de Monforte e que pode verse na capela dunha casa da rúa Doutor Casares. Pero a maior parte das pezas das que falo nesta obra son do período románico.

-¿Na provincia hai máis obras artísticas de asunto bíblico que lle parecería interesante estudar?

-Claro que hai, e polo menos hai outra media ducia de estudos deste tipo que me gustaría ter feito para poder incluílos neste libro. Pero coido que xa non os farei porque vou bastante vello e xa publiquei bastantes libros, vinte e tantos polos menos. Así que creo que deixarei eses estudos para outros investigadores.

-¿E non ten algunha outra obra en proxecto?

-O que teño é outro libro que acaba de publicarse tamén hai pouco tempo, menos extenso que A Biblia na iconografía pétrea lucense . Titúlase Cuatro pétreas joyas iconográficas del alto y bajo Medievo orensano e contén varios estudos sobre algunhas pezas de moito valor histórico e arqueolóxico que proceden da Ribeira Sacra ourensá, como son un retablo románico de pedra do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil e unha imaxe da Adoración dos Magos do antigo mosteiro de San Xoán de Camba, en Castro Caldelas.