Un percorrido por cen anos de historia

C. López LUGO/LA VOZ.

LEMOS

Un libro de poemas de autores galegos e un novo selo editorial serven para festexar o centenario de La Voz de la Verdad, que mantén vivo o seu apego pola cultura

16 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O pasado domingo, 3 de outubro, foi día de celebración para La Voz de la Verdad. Conmemorou o seu centenario, coincidindo coa data na que saíra á rúa o periódico homónimo, o 3 de outubro do ano 1910. Creado polo párroco de San Pedro, Avelino González López, e polas Damas de la Buena Prensa -señoras de familias lucenses de boa posición-, este diario católico e agrarista mantívose con vida ata o 1937. La Voz de la Verdad desapareceu coa Guerra Civil, pero renaceu convertida en librería, papelería e imprenta, e así sigue funcionando hoxe.

Precisamente na sede que a librería ten na rúa Bispo Aguirre foi onde se celebrou o centenario de La Voz de la Verdad, un aniversario que conta co seu propio libro. Palabra que ten ás é a obra conmemorativa dos cen anos desta firma. Ten un cento de páxinas, unha por cada ano de vida, e só se editaron 250 exemplares en edición numerada. Prologado por Darío Xohán Cabana e ilustrado por Anxo Barreiro, o libro recolle unha escolma de poemas de autores galegos como Amado Carballo, Aquilino Iglesia Alvariño, Blanco Amor, Correa Calderón, Manuel Murguía, Noriega Varela e Ramón Cabanillas, que foron rescatados das páxinas do periódico La Voz de la Verdad.

Para a gran familia de La Voz de la Verdad, a edición deste libro supuxo un dobre motivo de satisfacción, xa que, ademais de servir para conmemorar o seu centenario, tamén supuxo o inicio da andadura do selo editorial Vozesnavoz Edicións.

Os festexos polo centenario contaron coa presenza, entre outros, do autor do prólogo do libro; do director de La Voz de la Verdad, Javier Diéguez; e do vicario Gonzalo Fraga, que fixo un repaso pola historia da centenaria publicación. Unha traxectoria que mantén un estreito vínculo coa do párroco Avelino González, como aparece reflectido no opúsculo publicado por Jesús Guerra Mosquera.

Apostolado da prensa

Lémbrase nesta breve obra que foi este cura o artífice da posta en marcha da Asociación de la buena prensa, a cuxo amparo naceu un novo periódico: La Voz de la Verdad, creado para «atacar» aqueles outros diarios nos que, nos días turbios do ano 1910, se facía alarde de incredulidade. O primeiro número da citada publicación saíu á rúa o día 3 de outubro daquel ano. Na primeira páxina figuraba un telegrama de adhesión ao Papa e unha presentación escrita polo que daquela era prelado da diócese: Manuel Basulto Jiménez. Nela dicía que o novo diario «viene a prestarnos su apoyo contra los enemigos de la religión y de la patria, y a llevar el pan diario de la sana doctrina a los cristianos hogares de nuestra diócesis».

Aínda que nos catorce anos que pasaron desde que La Voz de la Verdad viu a luz e Avelino González López faleceu, o párroco de San Pedro non chegou en ningún momento a escribir nesta publicación, eran moitos os que sabían que a aparición e o mantemento do diario se debían en grande parte a ese cura. Tamén foi obra súa a instalación en Lugo dun quiosco de la buena prensa, que coñeceu diferentes emprazamentos, como a estación do ferrocarril e as prazas de Santo Domingo e de Santa María.

Unha rúa dedicada, pediu Fole

Un dos bos coñecedores do labor desenvolvido polo cura de San Pedro a través de La Voz de la Verdad era o escritor lucense Ánxel Fole, quen chegou a reclamar que se lle dedicase unha rúa na cidade de Lugo a Avelino González López. E non só iso, senón que o propio Fole lle quería dedicar o seu Cartafol a este párroco, que consideraba un benefactor da cultura.