Darío Xohán Cabana entra no Paseo dos Soños de Vilalba

Mayte Corbelle VILALBA/LA VOZ.

LEMOS

O autor chairego volveu a insistir en que non pensa escribir «nada de creación»

14 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O quinto hectómetro do Paseo dos Soños de Vilalba xa ten dono. O seu propietario é Darío Xohán Cabana, quen tomou onte posesión nun acto no que, por certo, compartiu coincidencias co propietario do primeiro, Paco Martín.

O Muíño do Rañego foi o escenario desta celebración e, en verbas do presentador do evento, Xulio Xiz, este é un «recoñecemento especial» que naceu do maxín de Xermolos e do colectivo Manuel María. A partires de agora Darío Xohán Cabana vai ter cen metros para el nos que apenas caben as paisaxes de Galván en Saor , O avión de Cangas ou Cabalgada da Brétema , que son un exemplo das múltiples obras que saíron da súa man dende o 1970, cando publicou Home e terra .

Un fito que «me fai moita ilusión porque sobre todo o que me parece moi ben é ter tantos amigos, porque en realidade estas son cousas de amigos, non ten que ver con merecementos ou non, senón con amizade», dixo o autor de Roas. Se ben tamén matizou que «claro que o hectómetro tamén me gusta, así podo competir con Paco Martín, decirlle que o meu é máis grande ou mellor?».

En canto á ubicación deste hectómetro, o Paseo dos Soños, Darío Xohán Cabana explicou que «ao fin é eso o que é a literatura, un soño, ese soño necesario que temos todos e que nos sirve para saír adiante e, se cadra, para ser mellores persoas e tamén un pouquiño máis listos». Ademais, engadiu que «este sitio é realmente precioso e este acto chega da man dunha fundación que leva o nome do home que inventou a Terra Chá».

Neste senso, Cabana Yanes asegurou que «xa sei que lle chamaban así antes do Manuel, pero foi el quen comezou a consolidar a idea desto como unha comarca, e fíxoo cun libro marabilloso, o Terra Chá, que é unha especie de biblia da galeguidade, que a chaireguidade non é mais que iso, unha forma de galeguidade». Asimesmo, dixo que «o Manuel María, como santo patrón, xunto con eses outros patróns que el buscou, como Aquilino Iglesia Alvariño, Xosé Crecente Vega? eles fan desto unha comunidade intelectual, unha comunidade que tamén é a cultura galega».

En canto á labor que desenvolve Darío Xohán Cabana, «? ao Darío unhas veces dálle por decir que nunca traballa, outras veces dálle por decir que sempre está traballando? e ? ben, agora estou acabando a edición dunha antoloxía».

Ese volume que recolle a obra dos poetas medievais en lingua provenzal é o froito de sete anos de traballo que verá a luz, previsiblemente, no mes de xaneiro. «E agardo que haxa dúas ou tres ducias de persoas que o compren cando o vexan nas librerías», matizou o escritor chairego a quen onte se lle adicou o quinto hectómetro do Paseo dos Soños da capital chairega.

Non, a unha nova obra

En canto a ter nas nosas mans unha nova obra que salga do pensamento de Darío Xohán Cabana, el dixo que «non». De xeito tallante afirmou que «o Darío ten tempadas, eu non son un escritor profesional, escribo as miñas cousas cando me apetece, e hai anos que non está para nada, para nada de creación, para escribir unha novela ou poemas? e hai varios anos que non o fago».