Patrimonio da Humanidade tras un longo percorrido

Adolfo de Abel Vilela LUGO.

LEMOS

O eslogan «Conseguímolo entre todos» foi un acerto e definiu o traballo previo

21 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Un ben declarado Patrimonio da Humanidade, é un sitio específico (sexa bosque, montaña, lago, deserto, edificación, complexo ou cidade) que foi incluído na lista que elabora o Comité do Patrimonio da Humanidade da Unesco composto por 21 estados que son elixidos pola Asemblea Xeral de Estados Membros por un período determinado. Ata o ano 2009, a lista tiña un total de 890 sitios declarados en 148 estados membros. Destes, 689 son culturais, 176 naturais e 25 son mixtos.

España é, despois de Italia, o segundo país con maior número de bens declarados Patrimonio da Humanidade no mundo, con 46, dos cales, 37 son bens culturais, entre os que está a Muralla, 3 son bens naturais, 2 son bens mixtos e 4 son bens inmateriais. Galicia ten 4 bens declarados, aínda que un deles, o Camiño Francés de Santiago, compárteo coas comunidades de Navarra, A Rioxa, Aragón, e Castela León. O casco antigo de Santiago de Compostela foi inscrito en 1985; o Camiño de Santiago en 1993; a Muralla de Lugo en 2000, e a Torre de Hércules en 2009.

?Un longo percorrido

Como xa é habitual en Lugo, conseguir a declaración da muralla como Patrimonio da Humanidade levou once anos e medio, un proceso que foi longo para conseguir, que a Xunta primeiro e o ministerio de Educación y Cultura despois, tramitasen a proposta ao Comité do Patrimonio Mundial da Unesco e que se aprobase a inclusión na listaxe.

Nesta empresa non todas as administracións e partidos políticos mostraron no primeiro momento o mesmo interese. O BNG foi un dos máis batalladores coas súas iniciativas no Concello, no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados. O PP foi remiso ao principio pero chegou un momento, a partir de febreiro de 1998, en que debido á presión social e política non lle quedou máis remedio que tramitar a solicitude.

Daba a impresión de que algúns non crían nos valores da muralla. Dos catro alcaldes que houbo desde 1988, Vicente Quiroga Rodríguez (1983-1991), Tomas Notario Vacas (1991-1995), Joaquín García Díez (1995-1999) e José Clemente López Orozco (1999), só os dous últimos se preocuparon polo tema. Outra cousa distinta foi o interese demostrado polo estado da muralla e a forma de conseguir financiamento para a conservación.

Foron varios os políticos de distintas ideoloxías, as institucións, asociacións, entidades e as persoas que fixeron a súa achega para conseguilo nos case doce anos que durou o proceso. Por iso o grupo de goberno municipal, formado polo PSOE e o BNG, deixando ao carón a tentación partidista, acuñaron un eslogan co que se recoñecía este traballo conxunto, «Conseguímolo entre todos», que se plasmou nun cartel cun debuxo da muralla, feito por María do Carme Soilán Losada.

Sánchez Castiñeiras promotor da iniciativa

O abandono no que se atopaba o monumento logo da creación da autonomía, foi a causa que determinou que se solicitase a declaración en 1988, sendo alcalde Vicente Quiroga Rodríguez. O primeiro paso, deuno o Concello o 24 de xuño de 1988, por mor dunha moción presentada no Concello polo Grupo Popular, que estaba na oposición, sobre a conservación e restauración da muralla, na que se propuña que o Concello colaborase co ministerio de Cultura nos traballos de conservación e rehabilitación do monumento.

A moción tiña tres puntos e pedía dirixirse ao ministerio de Cultura para solicitar información sobre o estado no que se atopaba o monumento e os traballos para o seu mantemento. Solicitar que se incluíse nos orzamentos do Estado unha partida destinada ás obras de reconstrución, e expor á Administración Central a posibilidade de asinar un convenio de colaboración co Concello para facer as obras de restauración e mantemento.

O alcalde Vicente Quiroga Rodríguez e o concelleiro delegado de Servizos Eléctricos, Cándido Sánchez Castiñeiras, que tamén era deputado no Parlamento de Galicia, coincidiron no que solicitaba Alianza Popular (AP) e anunciou que a súa Delegación tiña previsto unha actuación sobre o sistema de alumado propondo que se engadise á moción o seguinte punto: «Iniciar las gestiones oportunas a fin de que la muralla de Lugo sea declarada Patrimonio de la Humanidad, en razón de su interés histórico y monumental».

A moción aprobouse por unanimidade e acordouse que se dese traslado ao ministerio de Cultura, pero nunha pregunta feita ao ministro Jorge Semprún no Senado, respondeu que conseguir a declaración era difícil.

Pídese a transferencia

A pesar diso, Sánchez Castiñeiras, insistiu e ao ano seguinte presentou no Parlamento de Galicia unha Proposición non de Lei pedindo a transferencia da muralla á Xunta, que foi debatida o 17 de abril de 1990, na que volverá saír a iniciativa. O conselleiro de Cultura, Daniel Barata Quintas, estaba disposto a asumila sempre que fose acompañada das dotacións económicas para proceder á súa restauración.

O BNG por boca do seu deputado Alberte Xullo Rodríguez Feixóo, considerou a proposta oportunista dado que existían multitude de edificacións históricas que estaban nun estado lamentable e que tamén necesitaban o apoio da Xunta.

Naquela época o PSOE tiña o goberno central, e iso víase na cámara autonómica. AP non quería cargar coa conservación da muralla sen dotación económica e o PSOE quería liberar do asunto á Administración Central, así que naquela sesión, o deputado do PSG, Antonio Gato Soengas, botaba en falta a colaboración da Deputación, do Concello, e ata chegou a dicir que o problema fundamental da conservación da muralla de Lugo era a anarquía urbanística que había na cidade, e no seu arredor, e pediu que a Cámara se pronunciase instando á Administración Central para que a muralla de Lugo pasase a ser un monumento declarado patrimonio da humanidade. Na réplica Sánchez Castiñeiras manifestou que xa se acordara polo Concello de Lugo.

Nada novo

O mesmo día o ministro de Cultura, Jorge Semprún, deu resposta no Senado a unha pregunta de José Blanco sobre os proxectos da Administración Central sobre a muralla. Nada novo, xa que se referiu á elaboración do Plan Director e á restauración da parte que caera o 14 de marzo nas inmediacións de Porta do Bispo Aguirre.