A Casa de Cultura acolle unha exposición sobre a literatura relacionada coa comarca
19 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Entre as actividades organizadas este ano polo Concello de Monforte con motivo do Día das Letras Galegas destaca pola súa orixinalidade a exposición Pequena ollada ás letras de Lemos, que poderá verse ata o día 23 na Casa de Cultura. A mostra reúne obras de numerosos autores naturais da comarca ou relacionados con ela de diversas maneiras, abarcando un longo período histórico que vai desde a Idade Media ata a actualidade.
En canto aos tempos máis remotos, a mostra recupera tanto a memoria dos trobadores medievais Pero de Ver e Fernán Figueira de Lemos -que viviron na época de esplendor da literatura galegoportuguesa- como a dunha singular mostra do cultivo literario do galego nos chamados séculos escuros: un soneto escrito no século XVI por Isabel de Castro Andrade, sobriña do cuarto conde Lemos.
O renacemento do galego escrito no século XIX está representado polos diálogos Proezas de Galicia, pequena obra de José Fernández Neira sobre a guerra napoleónica que fala dos sucesos de Monforte, e O tío Farruco, de Pedro Boado, que formou parte da xunta defensa creada nesa época na cidade. Menos coñecido é O arador, poema do xornalista monfortino Manuel Yáñez, falecido en 1905.
Presenza crecente
A exposición deixa ver que despois deses modestos precedentes da época do Rexurdimento, na segunda metade do século XX a comarca ten unha presenza cada vez maior na letras galegas grazas a autores como Manuel María, Lois Diéguez, Lois Pereiro, Manuel Veiga, Antón Lopo, Teresa Moure, Xabier Quiroga, Carlos Quiroga ou Olga Novo. Pero non se limita a literatura en galego, xa que tamén inclúe Los hidalgos de Monforte de Benito Vicetto e moitos outros libros escritos en castelán en tempos pasados e recentes.
Outros apartados da exposición ocúpanse de aspectos moi diferentes: a literatura popular de tradición oral e as obras literarias sobre a figura lendaria de Inés de Castro publicadas en diferentes épocas por autores de variadas nacionalidades.