Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O cámping abandonado de Augas Mestas acollerá un campamento infantil

quiroga / la voz

LEMOS

30 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A asociación educativa Chao de Castro-Altair, radicada no municipio de Burela, organizará en xullo un campamento de verán para nenos de 8 a 14 anos nos terreos do cámping de Augas Mestas, en Quiroga. O colectivo solicitou permiso á Deputación para levar a cabo esta actividade por considerar que a zona ofrece un especial interese para iniciativas deste tipo, aínda que o cámping leva anos pechado e en estado de abandono.

Os organizadores precisan que non utilizarán as instalacións do cámping, aínda que colocarán as tendas dentro dos seus terreos. «Para estes campamentos buscamos lugares onde haxa cerca algunha edificación que poida usarse como refuxio se hai chuvascos ou tormentas, pero non temos previsto usar as construcións para nada máis», explican desde a asociación.

Do 1 ao 11 de xullo

As actividades do campamento desenvolveranse entre o 1 e o 11 de xullo. O prezo será de 80 euros para nenos de familias inscritas na asociación e de 95 para os non inscritos. A data límite para apuntarse é o 24 de xuño. Os interesados poden escribir ao correo chaodecastro.altair.burela@gmail.com e informarse na web chaodecastro.wordpress.com e no teléfono 626 739 849.

O colectivo burelense encádrase no Movimento Educativo e Socio-Cultural Internacional Altair, fundado por varios colectivos pedagóxicos de Galicia e Cabo Verde. O seu obxectivo consiste en promover entre os nenos «valores como a solidariedade, o traballo comunitario e o compromiso social» a través de actividades de tempo libre.

Con esta finalidade, a asociación organiza «xogos, aventuras, campamentos, procuras ou descubertas e outras levadas a cabo en diversos ambientes e en contacto coa natureza e a realidade social presente». Ata agora, as actividades de Chao de Castro-Altair desenvolvéronse en diversas localidades da Mariña, pero o colectivo pretende estendelas tamén a outras zonas de Galicia.